Sermos Galiza avanzábao o pasado mes de xuño. Mariñeiros de Aguiño, Santa Uxía de Ribeira e A Pobra do Caramiñal denunciaron que a Garda Civil está a impor sancións ás pequenas embarcacións de baixura --concretamente aquelas que faenan na ría de Arousa-- por non levaren "ben visíbel" a bandeira española.
As multas supoñen un mes de ganancia para as embarcacións que operan nas costas galegas
As multas --que son rexistradas por axentes do Instituto Armado-- oscilan entre os 800 e os 1.500 euros, "o soldo dun mes", aseguran os mariñeiros, e virían da man do Decreto 2335/ 1980 polo que se fixa que: “todos os barcos enarbolarán como único pavillón a bandeira de España” e non poderán levar izada “ningunha bandeira" se non o está o "pavillón 'nacional'".
A norma non era de aplicación até o momento. As embarcacións de baixura que non operan en augas internacionais nin comunitarias --lembran desde o BNG-- acostuman non levar ningunha insignia. “Normalmente, e aquí, dentro da Ría, nos que andamos á baixura, ao marisqueo ou á batea; non se levaba ningunha bandeira no barco. Só se pon para as procesións, o Carme,...”, apuntan os mariñeiros.
O Bloque asegura que as multas son "puramente ideolóxicas" e exixe unha rectificación
Para o BNG as multas impostas pol@s axentes da Garda Civil son "puramente ideolóxicas" polo que o executivo de Madrid debe explicar "se ordenou" sancionar este tipo de embarcacións e se vai levar a cabo algunha rectificación.
A xuízo da organización frontista o acontecido é "verdadeiramente alarmante" habida conta de que eses buques desenvolven a súa actividade nas rias ou no litoral galego.