mércores 14/04/21
Política

Exixen explicacións ao Sergas polo traslado dun maior con coronavirus de volta á residencia de Celanova

BNG e Podemos denuncian que o Sergas tratou de agochar que o hospital de Ourense devolveu á residencia de Celanova a un paciente con coronavirus após telo ingresado. 
Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).
Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).

Exixen ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) unha explicación detallada das razóns que levaron á xerencia da área sanitaria de Ourense a trasladar un paciente con COVID-19 desde o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo) á residencia San Carlos. Un extremo que o organismo sanitario "tratou de agochar", negando durante dous días "que a alerta lanzada polo BNG o sábado fose certa", como denuncian as nacionalistas. 

Na mesma liña, os círculos de Podemos Galicia en Ourense acusan á Xunta de "mentir por negar que tal traslado se producira" e consideran que se trata dunha "inxustificada irresponsabilidade da xerencia" desta área sanitaria. 

"O BNG non mentiu", ratificou o portavoz nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez, "o Sergas, si. E mantivo a mentira dous días, sen reaccionar o aviso que demos desde o BNG". 

A residencia de maiores de Celanova foi un dos focos de contaxio ao ao comezo da pandemia cun total de 46 usuarias positivas en coronavirus. Todas as afectadas foran trasladadas ao centro integrado habilitado pola Xunta en Baños de Molgas para separalas das usuarias sas, excepto sete casos que presentaban gran dificultade de mobilidade.

"Desde o BNG de Celanova exiximos do Sergas, da Área Sanitaria de Ourense e do seu xerente, Félix Rubial, unha explicación detallada de por que se decidiu o traslado dun paciente con COVID-19 do Chuo á residencia de Celanova, exiximos ademais unha explicación de por que se mantivo agochada esa información e por que o Sergas, a Área Sanitaria e Rubial mentiron e ignoraron a alerta que nós lanzamos o sábado", insistiu Rodríguez.

"Non entendemos os motivos polos cales a Xunta segue sen intervir e medicalizar este centro e outros moitos nos que seguen a darse contaxios e segue a morrer xente", salientan as portavoces de Podemos, que tamén solicitan que se "depuren responsabilidades" no Sergas ante estos feitos. 

"O Goberno galego ten que actuar en este e en outros centros intervindo os mesmos para evitar que os contaxios vaian en aumento, dadas as limitacións de persoal e as condicións de precariedade na que está o mesmo desenvolvendo o seu traballo", conclúen as responsábeis de Podemos Ourense.

Test para todas as traballadoras

Por outra banda, desde o BNG de Celanova queren ter coñecer "que medidas vai tomar a área sanitaria para corrixir esta situación" e inciden en que se "completen os test ás traballadoras con probas tamén para as auxiliares que levan máis dun mes traballando no centro e para todas as que foron sendo contratadas e ás que, a día de hoxe, aínda non lles fixeron a primeira proba". 

Leopoldo Rodríguez lembrou que "seguen activos 17 casos de COVID-19 entre residentes de Celanova: 5 están no propio centro, 10 no de Baños de Molgas e 2 continúan ingresadas no Chuo".

Así mesmo, o concelleiro nacionalista fixo fincapé en que a residencia San Carlos segue a contar "cun enfermeiro a media xornada", "non dispón de médica ao cargo" e "o persoal recupera estes días 9 traballadoras, mais 8 das que resultaran positivas en COVID-19 seguen de baixa".

comentarios