Exixen a derrogación do re-pagamento de doentes crónic@s por ser unha medida "inhumana" e "noxenta"

BNG e AGE exixiron en Comisión parlamentar a retirada do decreto polo que se fixa o re-pagamento dos medicamentos de prescrición hospitalaria para doentes crónic@s. Aseguran que o PP "prefire sacrificar as persoas ás decisións da Troika". O Bloque da Mariña féchase no Hospital da Costa contra o decreto.

Alberto Núñez Feijóo e Rocío Mosquera
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta e Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade

"Toman as decisións sabendo o que fan. Non é inocente", o Partido Popular, denunciou a deputada do BNG Montse Prado, "sabe que a medida aprobada é lesiva para as persoas e que castiga á maioría da poboación". O grupo parlamentar do Bloque exixiu esta quinta feira (10 de outubro) a retirada do decreto polo que se instaura o re-pagamento dos fármacos de prescrición hospitalaria. 

A medida, que entrou en vigor o pasado 1 de outubro aínda non está a ser aplicada en boa medida pola falta de información @s responsábeis farmacéutic@s. Neste senso, BNG e AGE instaron ao goberno da Xunta de Galiza a se dirixir ao executivo español para demandar a retirada do decreto ao tempo que emprazaron a Alberto Núñez Feijóo a non aplicalo.

Unha medida "inhumana" e "un disparate"

"É unha medida inxusta", "noxenta" e "inhumana" denunciaron en comisión parlamentar as deputadas Montse Prado (BNG) e Eva Solla (AGE). A través de senllas iniciativas non lexislativas ambas as dúas forzas políticas lembraron ao Partido Popular que o decreto aprobado abocará a moit@s enferm@s crónic@s a abandonar os seus tratamentos "por non poder pagalos", sinalou Prado. "Hai que ter en conta que moitos están polimedicados", acrecentou a nacionalista, e deberán facer fronte ao custo de máis medicamentos por mor do re-pagamento aprobado con anterioridade. Aliás, indicou, "os salarios son cada vez máis baixos". 

Montse Prado (BNG): "O decreto pon en risco a saúde das persoas"

Neste senso, desde o BNG, insisten en que o re-pagamento "é un disparate". Trátase, subliñou Monste Prado, dunha medida lesiva "desde o punto de vista humano, sanitario e administrativo" pois, dixo, amais de "pór en risco a saúde das persoas", os argumentos que emprega o goberno "non teñen sentido" pois, "non ten un carácter disuasorio nin recaudatorio" senón que, en troca, responde "a intereses ideolóxicos". 

Eva Solla (AGE): "Converten un dereito básico nun negocio"

"A señora Marto e o Partido Popular teñen pensado deixar morrer á xente", sinalou Eva Solla quen asegurou, o decreto é "unha barbaridade" que converte, insistiu, "un dereito social básico nun negocio e nun privilexio". Procuran, engadiu Prado, "facer da saúde un problema individual" que poida resolver "que teña cartos". 

Un goberno submiso
Desde o BNG criticaron con dureza a actitude do goberno da Xunta de Galiza do que din "non actúa como tal" e prefire, din, "ser o alumno avantaxado de Madrid" a defender os intereses d@s galeg@s. Fronte ás críticas manifestadas polos executivos doutros territorios que, coma o basco, anunciaron que recorrerán o decreto por invasión competencial, Núñez Feijóo e Rocío Mosquera "non din absolutamente nada" e empregan "as excusas de sempre" para xustificar a súa aplicación na Galiza. 

@s nacionalistas amosaron o seu "total rexeitamento" e continúan a desenvolver accións para denunciar que "o PP prefire sacrificar ás persoas" para "salvar á banca e aos especuladores". 

O BNG féchase no Hospital da Costa contra o re-pagamento
Así, esta quinta feira unha delegación do BNG encabezada polo alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e o vice-presidente da Deputación, Antón Veiga, fechouse no Hospital da Costa en Burela para denunciar as consecuencias do re-pagamento entre @s doentes e exixir "ao Goberno a derrogación do decreto". Neste senso, asegurou o rexedor riotortense, "o xerente do hospital" informou á delegación nacionalista de que o executivo de Mariano Rajoy estaría a debater "aplicar ou non o re-pagamento". Unha posibilidade, din, que daría marxe de manobra para a masiva resposta social revertese a medida. 

Aliás, Gutiérrez Estoa --o primeiro alcalde insubmiso ao decreto-- alertou "das consecuencias terroríficas que tería o feito de entrar en vigor este pago". O alcalde do BNG denunciou asemade as declaracións do vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda quen asegurou que o goberno galego "non vai dar marcha atrás" na decisión de cumprir un decreto que di, "é de obrigado cumprimento". 

Algo que o rexedor riotortense considerou reflicte que o PP "non ten corazón", unha calidade que di, ao estar "á esquerda, só o temos a xente de esquerdas". 

Comentarios