Exixen a saída de ENCE da ría de Pontevedra e denuncian que o PP actúe "como delegado" da pasteira

Após a sentenza do TSXG que exixe a anulación da prórroga concedida á factoría en 2003 e da presentación dun recurso de casación por parte da Xunta perante o Supremo, Ence-Elnosa podería ficar ancorada na ría de Pontevedra vitam aeternum. Amais, o goberno español prevé aprobar unha Lei de Costas que lle outorgaría a última decisión a respecto da saída ou non da pasteira e mesmo podería concederlle 75 anos máis de vida útil. A deputada nacionalista, Montse Prado exixiu esta cuarta feira na Cámara galega que Ence-Elnosa marche de Marín e denunciou que os gobernos do Partido Popular actúen "como delegados da pasteira".
photo_camera Ence-Elnosa

Desde que Ence-Elnosa se afincou na ría de Pontevedra, un importante movemento social ergueuse contra a súa localización e os danos ecolóxicos que ocasiona a súa actividade. Máis de medio século despois, o emprazamento da factoría segue a constituír un tirapuxa entre as organizacións ecoloxistas e o Partido Popular cuxos ex-conselleiros e ministr@s toman parte mesmo do consello de administración da empresa. Neste senso, a deputada do BNG, Montse Prado presentou esta cuarta feira unha Proposición non de lei no Parlamento encamiñada a exixir o cesamento da concesión que permite á empresa continuar a desenvolver a súa actividade na ría de Pontevedra.

O deputado do Partido Popular, Javier Guerra asegurou que a súa formación "defende" a saída de Ence mais o certo é que todos os movementos da Xunta de Galiza apuntan cara ao contrario. Amais de presentaren un recurso de casación que demanda a impugnación da sentenza que invalida a prórroga concedida polo goberno Fraga á factoría --Feijóo naquela altura era vice-presidente, o seu partido en Madrid vén de presentar unha Lei de costas que autorizaría a Ence a súa permanencia na ría até 75 anos máis.

Montse Prado: "Votaron por favorecer os intereses privados de Ence"

"Votaron por favorecer os intereses privados de Ence", denunciou a nacionalista quen acusou @s populares de teren defendido "os intereses da empresa" en troca dos da bisbarra. "Din que queren sacar a Ence" mais logo "actúan continuamente na dirección contraria" insistiu Prado perante as declaracións de Guerra.

AGE e PSdeG defenderon a proposta presentada pola nacionalista que demandou do grupo parlamentar popular medidas concretas que pulen pola saída da pasteira da ría. "Retiren o recurso que presentaron ás agochadas", exixiu e "opóñanse á nova Lei de costas", do contrario asegurou Prado "poranse do lado dos poderosos". Neste senso, a nacionalista acusou ao Partido Popular de "empregar o DOG e o BOE" para beneficiar "aos amigos" e apelou á presenza do ex-conselleiro, Carlos del Álamo e a ex-ministra Isabel Tocino no consello de administración de Ence para denunciar que "a corrupción" non se dá só "con sobres".

Comentarios