Exixen que Feijóo vaia ao Parlamento para explicar os 2ME en doazóns opacas ao PP

O BNG, PSdeG  e AGE exixiron que o presidente da Xunta de Galiza compareza no Parlamento galego após coñecerse que o PPdeG rexistrou en 2006 2 millóns de euros en doazóns opacas, segundo publica o diario El País

Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta de Galiza]
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta de Galiza]

O PP ingresou de forma irregular até 2 millóns de euros procedentes de empresas da construción --na súa maior parte-- destinados a financiar a campaña das galegas de 2005, as que perdeu Fraga face o PSdeG e o BNG. Así o recolle a contabilidade rexistada polo partido en 2006, que foi publicada este sábado polo diario madrileño El País e que ten como presunto autor ao ex-xerente popular na Galiza, Modesto Fernández. 

O documento -no que aparecen rexistrados os pagamentos ilegais- foi presentado polo PPdeG en 2006 perante a dirección do partido en Madrid, para xustificar os gastos das eleccións á Xunta de Galiza que encabezaba o daquela candidato Manuel Fraga Iribarne. Cando se rexistaron estes ingresos irregulares xa era o presidente do PPdeG o actual titular da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo. 

Segundo o rotativo madrileño, a autenticidade do informe foille confirmada a El País por ex-dirixentes do PP. No entanto, desde o partido declinaron facer declaracións ao respecto. 

Empresas adxudicatarias de 'favores' políticos?

As empresas que doaron até 2 millóns de euros ao Partido Popular en 2006 terían sido adxudicatarias en múltiples concursos públicos polos executivos de Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo. Neste senso, o Grupo Campo foi a encargada de recubrir con cuarcita a Cidade da Cultura, traballo polo que percibiu 6 millóns de euros en 2003. 

Tamén así, C.R.C Ramón Carrero foi adxudicataria da xestión e mantemento da autovía da Morte --por un período de 25 anos-- en 2011 polo que cobrou 194 millóns de euros. 

Xunto a elas, Egasa, Necso, Copasa, ITV Amador Castro, Espina y Delfín, FCC, Tojeiro, Invers, Extraco, ACS, Bruesa, Cortizo, Seixo e Teconsa --algunhas delas vinculadas á trama Gürtel-- foron contratadas pola administración galega, mais tamén directamente polo Goberno da Xunta de Galiza . 

Feijóo debe comparecer con urxencia

A primeira forza política en se pronunciar a respeito das doazóns opacas no PPdeG foi o BNG. A través do seu portavoz nacional, Xavier Vence, a organización frontista exixiu este sábado a comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para explicar a trama de financiamento do PP baixo o seu mandato.

Para o BNG, Núñez Feijóo xa non se pode agochar no argumento da súa non militancia, habida conta que en 2006 presidía o PPdeG e moitos dos contratos coas empresas involucradas nas doazóns ilegais, foron asignados durante o seu primeiro mandato. 

Perante o que consideraron unhas "revelacións escandalosas, alarmantes e de extrema gravidade", @s nacionalistas exixen a Núñez Feijóo que se presente perante o Parlamento para explicar, non só a financiación ilegal do seu partido, senón "a promiscuidade da contratación público-privada" para, criticou, "facer negocios cos amigos". 

Segundo Xavier Vence, "urxe" un proceso "de rexeneración democrática" que "elimine a corrupción da vida política" e "afaste os seus responsábeis" dos gobernos español e galego. 

"Ou fala o presidente ou fala a xustiza"

Pachi Vázquez amosouse así de tallante após exixir a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo no Parlamento de Galiza. O líder d@s socialistas sumouse así á solicitude do Bloque e demandou que o presidente da Xunta pase pola Cámara "urxentemente" para explicar a información publicada este sábado na que se recollen 2 millóns de euros ilegais na financiación do PPdeG. 

Segundo Pachi Vázquez, os dados coñecidos sitúan ao PP da Galiza "no centro" do caso Bárcenas e no escándalo da financiación ilegal do PP. Aliás, advertiulle a Feijóo que, agora, "non vale agocharse". 

"De se confirmar a información, as eleccións foron unha estafa"

A vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz demandou xunto cos demais grupos da oposición, a comparecencia en sesión parlamentar do presidente da Xunta. Após a información publicada este sábado por El País, Díaz exixiu ao líder do PP explicar se "fixo trampas para gañar as eleccións" habida conta, sinalou Yolanda Díaz, do diñeiro percibido de maneira irregular polo Partido Popular procedente de empresas privadas. 

As doazóns opacas que fixo públicas o diario español, apuntan cara á pagamentos que ascenderían até os 2 millóns de euros. Uns fondos que de se confirmar a súa veracidade suporían á ollada de AGE unha "enorme e gravísima estafa electoral". 

Comentarios