PERFIL DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO (PPdeG) | ELECCIÓNS GALEGAS 2016

O executor pragmático

A reseña sobre o actual presidente da Xunta e candidato do PPdeG á unha segunda reelección pón o ramo á serie de perfís dos e das principais cabezas de lista cara ao 25-S.

Alberto Núñez Feijóo, candidato do PPdeG á presidencia da Xunta de Galiza
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, candidato do PPdeG á presidencia da Xunta de Galiza

Se hai un trazo de Alberto Núñez Feijóo (1961) que sinalan tanto seguidores como detractoras é o seu colosal pragmatismo. O mesmo que fixo deste votante do PSOE un dos máis sólidos baróns do Partido Popular, e o nome que máis soa nas quinielas para substituír a Mariano Rajoy á fronte do PP español o día que caia en desgraza. 

O pragmatismo –din– foi o que afastou da carreira xudicial coa que soñaba o mozo Feijóo, licenciado en Dereito na USC. En troca, para axudar economicamente na casa, nun fogar pouco ou nada acomodado, optou por reorientar os seus estudos a opositar unha praza de funcionario na administración autonómica. 

Apadriñado de Romay Beccaría

A súa entrada na administración galega, como interino no Corpo Superior de Administración Xeral, foi chave para abrirlle unha inesperada carreira política. O pragmático Feijóo, malia ter nacido na aldea dos Peares no rural ourensá e mesmo ter sido votante socialista, deixouse cooptar sen resistencia polo líder do sector urbano e máis españolista do PPdeG –o chamado sector do “birrete”–, José Manuel Romay Beccaría. O actual presidente do Consello de Estado converterase desde ese momento no seu mentor político, e no sólido nexo que unirá o seu destino ao de Mariano Rajoy.

Foi cooptado polo sector do "birrete" liderado por Romay Beccaría, a faixa máis reaccionaria e españolista no seo do PPdeG.

A súa carreira no ámbito político-institucional enceta en 1991 como secretario xeral técnico da consellaría de Agricultura, Gandería e Montes. En pouco tempo será promovido á política estatal, designado como secretario xeral de asistencia sanitaria no ministerio de Sanidade que dirixía o propio Romay.  Foi presidente do Insalud e director de Correos e Telégrafos. Aliás, fixo parte do consello de administración de numerosas empresas públicas. É en Madrid onde gaña a fama de bo xestor con gran perfil técnico. 

Home de Rajoy

En 2003 retorna a Galiza, asumindo a dirección da poderosa consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Un ano despois Manuel Fraga designarao vicepresidente primeiro, o que suporá na práctica nomealo o seu sucesor. Após a derrota electoral de 2005 que dará lugar ao goberno bipartito, e tras a saída de Fraga, Feijóo disputará o liderado do PPdeG, do que será elixido presidente en 2006. En 2009 logrará o retorno do seu partido á Xunta ao colleitar unha maioría absoluta pola mínima.  

Feijóo colocou a presidencia da Xunta ao ditado da axenda española do seu partido

Esa vitoria será chave para asegurar o liderado estatal de Rajoy, fortemente cuestionado nesa altura polas sucesivas derrotas nas eleccións xerais de 2004 e 2008.A lealdade para con o seu xefe de filas estatal foi un trazo determinante nos últimos anos, nos que colocou a presidencia da Xunta ao ditado da axenda española do seu partido, executando de maneira disciplinada todas as instrucións recebidas desde Madrid.

A campaña electoral rumo ao 25-S, volve visar o seu patolóxico pragmatismo case parello ao cinismo. Malia terse demostrado como un home de partido, non dubidou en ocultar a súa marca durante a campaña para se presentar coma un freelance. O paradoxo é inda maior, ao ver que o deseño e a narrativa da súa campaña para unha segunda reelección sitúa ao propio  Feijóo dentro do mapa de Galiza e baixo un lema netamente galego. O mesmo Feijóo que oito anos atrás se presentara como un técnocrata urbanita e modernizador, azoute do nacionalismo a quen acusou de promover “mandilóns identitarios” –polo facto do logotipo das Galescolas incluír unha bandeira galega–, patrimonializando agora para si propio os símbolos e a identidade de Galiza como país. Iso é pragmatismo nivel Feijóo.

Comentarios