O Executivo prevé agora que as rebaixas das peaxes sexan en agosto

O Goberno estatal autoriza a senda de gasto para as bonificacións das peaxes na AP-9.
En 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Punto GA / M. Riopa)
photo_camera O ex ministro Ábalos comprometeu as rebaixas para xullo. (Foto: Punto GA / M. Riopa)

O Consello de Ministras e Ministros autorizou este 13 de xullo a senda de gasto que permitirá aplicar a redución das peaxes da autoestrada AP-9 até o final da concesión da infraestrutura en 2048. O Goberno estatal reivindica así dar "un importante paso" para a aprobación e posta en marcha das bonificacións nas portaxes, comprometidas polo xa ex ministro de Transportes, José Luis Ábalos, como moi tarde, para este mes de xullo, pese a que aínda seguen sen aplicarse.  "Seguimos manexando as mesmas datas, falábamos de finais de xullo para que puidesen entrar en vigor, oxalá teñamos xa en agosto esa oportunidade", dixo ao respecto o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, enviou unha carta ao respecto á nova ministra de Transportes, Raquel Sánchez, lembrando o compromiso no acordo de investidura entre PSOE e BNG para baixar as portaxes da AP-9 e aplicar descontos a usuarios recorrentes. A aprobación polo Consello de Ministros da autorización de gasto até 2048 é unha boa noticia, dixo Rego, "mais aínda resta completar unha tramitación administrativa que debe ser feita canto antes". Por iso, sinalou na carta que entre os compromisos adquiridos polo Goberno estatal non só está a rebaixa das portaxes senón tamén a transferencia da Ap-9 á Galiza. 

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou ao Goberno español que quedan "15 días" para que cumpra co seu compromiso de aplicar as rebaixas das peaxes en xullo. 

Tamén se pronunciou ao respecto o deputado nas Cortes e secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino, que asegurou que a bonificación das peaxes da AP-9 é un paso histórico" e un "éxito" do Goberno de coalición", e considerou que deben seguir traballando para que a AP-9 sexa "galega, pública e gratuíta".

A senda aprobada

En concreto, o que aprobou o Consello Ministerial foi o acordo polo que se permite "aumentar os teitos de gasto para os próximos anos e o número de exercicios nos que se poden asumir para dar cobertura aos compromisos derivados do Real Decreto polo que se aprobará o novo esquema de bonificacións de peaxe na autoestrada AP-9".

O artigo 47 da lei xeral orzamentaria limita a catro o número de exercicios aos que se poden aplicar os compromisos de gasto plurianuais e, ademais, reduce a capacidade de gasto imputábel a cada un dos exercicios posteriores, segundo sinala o Executivo. 

Co acordo do Consello "levántanse" estes límites e o Goberno pode dispor da capacidade orzamentaria "suficiente" para cubrir o custo das rebaixas das peaxes da AP-9 até a finalización do contrato asinado con Audasa, a concesionaria.

Comentarios