Operación "Pokemon"

O ex tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores, négase a declarar ante De Lara

O que fora número dous de Carlos Negreira no anterior goberno municipal da Coruña, Julio Flores, negouse a declarar ante a xuiza Pilar de Lara por un suposto delito de tráfico de influencias.

O ex tenente de alcalde do Concello da Coruña, Julio Flores (PP) estaba citado a declarar esta mañá diante da titular do Xulgado número 1 de Lugo, a xuíza Pilar de Lara, por un suposto delito de tráfico de influencias no marco da "Operación Pokemon". O ex número de dous de Carlos Negreira acolleuse ao dereito a non declarar ante a xuíza, tal e como lle sinala Europa Press.

A providencia, de 15 de xullo de 2015, alude aos "informes do Servizo de Vixilancia Aduaneira sobre a adxudicación á empresa Sermasa (filial de Vendex) do contrato de prestación de servizos de atención ao público e servizos complementarios do Muncyt (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía". Esta nova imputación de Flores tería a ver, segundo as dilixencias, con supostos enchufes no museo.

Esta é a primeira vez que o ex tenente de alcalde da Coruña se acolle ao dereito de non declarar. Flores prestou declaración ante a xuíza en dúas ocasións.

Comentarios