O ex secretario provincial do PSOE de Lugo dubida que Caballero teña “proxecto” para Galiza

O actual edil de Medio Ambiente de Lugo critica os resultados obtidos polo partido nas últimas eleccións.

álvaro santos PSdeG Europa Press
photo_camera (Europa Press)

O ex secretario provincial do PSOE de Lugo e actual edil de Medio Ambiente no Concello lucense, Álvaro Santos, puxo esta quinta feira en dúbida que o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, teña "proxecto" para Galiza.

Santos, que dimitiu do cargo hai algúns meses cargando contra a xestión do actual secretario xeral, lembrou que renunciou ás súas responsabilidades orgánicas apelando "a razóns políticas". "E, a día de hoxe, non coñezo que haxa un proxecto concreto, con iniciativas concretas para Galiza", sostivo para ironizar con que "se cadra si que o hai" e "estano trasladando por outras vías" que non lle "chegan" a el.

Ainda que di estar "afastado da vida orgánica do partido por iniciativa propia", Álvaro Santos asegura que coas súas palabras busca "chamar á reflexión". "Porque é bo e a cidadanía necesita tamén que os partidos progresistas e de esquerdas reflexionen para avanzar", manifestou.

Despois de que recentemente Álvaro Santos redactase unha análise no que criticaba os resultados obtidos polo PSOE tanto na provincia de Lugo como en Galiza, o edil de Medio Ambiente de Lugo criticou que aínda non se reunise "o maior órgano de deliberación que ten" o partido para tratar esta cuestión. "Supoño que non hai maior interese en valoralos", considerou

"Conseguíronse uns resultados magníficos para o PSOE na provincia de Lugo (nas xerais de abril) e seis meses despois foron máis de 9.500 votos menos (na provincia) o que significa un peor comportamento que no contexto de Galiza, e un peor comportamento que no contexto de España e merece unha reflexión", finalizou.

Comentarios