Os ex presidentes españois González e Raxoi comparan Putin cos zares e piden dar asilo á cidadanía rusa

"Se Putin lese ben os zares, falaría francés", bromeou Felipe González.
Mariano Raxoi e Felipe González no Foro A Toxa. (Europa Press)
photo_camera Mariano Raxoi e Felipe González no Foro A Toxa. (Europa Press)

Os ex presidentes do Goberno español Felipe González e Mariano Raxoi sinalaron esta sexta feira que se dan as condicións necesarias, baixo o seu punto de vista, para que os países europeos poidan acoller cidadanía rusa refuxiada, opositores á guerra e defensores de dereitos humanos.

Manifestárono durante unha mesa redonda na que participaron durante o transcurso da segunda xornada do Foro A Toxa, no Grove, onde centraron as súas primeiras intervencións en valorar a situación da guerra de Ucraína e as últimas manobras do presidente de Rusia, Vladimir Putin.

"Hai leis de asilo e danse moitas condicións para aplicalas", defendeu González, que rexeitou que algún país "poida dicir que non está disposto a cumprir a lei".

Pola súa parte, Raxoi chamou a "cumprir as leis" en materia de asilo porque, segundo dixo, "isto ten que ver coa dignidade das persoas". "Quen pide asilo político en Rusia? Ninguén", ironizou.

Comparativa entre Putin e os zares

"Se Putin lese ben os zares, falaría francés", bromeou Felipe González, que cargou contra a "intención" do presidente ruso de "parecerse aos antigos zares". Tanto González como Raxoi reivindicaron a resposta europea fronte á guerra en Ucraína, criticando aos que, dentro do Estado español, censuraron a entrega de material militar a Ucraína para o seu defensa.

"Axudar a Ucraína creo que é unha obrigación desde o punto de vista moral. Cal é a alternativa?", preguntouse o ex presidente popular, que advertiu que, se non se axuda ao país ucraíno, pode suceder algo peor a nivel europeo.

Mentres, González reprochou que “algúns” se fagan chamar "pacifistas" e "neguen o dereito para defenderse" dos ucraínos. "Hai que axudar a que se defendan", afirmou o dirixente socialista entre 1982 e 1996.

Aliás, tamén valoraron o reforzamento da OTAN ante os movementos do Goberno ruso, e  celebraron que Suecia e Finlandia abandonasen a súa neutralidade e se adherisen á OTAN. 

Comentarios