O ex presidente da Miño-Sil condenado a cinco anos de cárcere por prevaricación

Malia o testemuño de Francisco Fernández Liñares, que asegurou que non tiña nada que ver cos pactos das distintas empresas para repartirse as adxudicacións desta entidade, a Xustiza considera probado que o ex presidente recibiu cartos a cambio de otorgar licitacións.
Liñares co seu avogado. (Foto: C. Castro / Pool / Europa Press)
photo_camera Liñares co seu avogado. (Foto: C. Castro / Pool / Europa Press)

A Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a cinco anos na cadea ao ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Fernández Liñares, polos delitos de prevaricación e suborno. Para oito dos outros nove outros implicados na presunta trama de pactos dos contratos da entidade, a sección segunda ditou unha pena de un ano e tres meses de prisión, acusándoos do mesmo delito.

O tribunal decidiu estabelecer para o ex alto cargo a inhabilitación para ter un cargo público durante os próximos 20 anos. Aliás, terá que pagar unha multa de 7.200 euros tal e como comunicou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Ao tomar esta decisión, a Audiencia cre que está demostrado que Fernández Liñares outorgou, entre 2009 e 2012, contratos de actuacións a empresas cuxos responsábeis tiñan un acordo “a cambio de diñeiro ou prestacións de traballo nas súas fincas particulares”.

De nada serviu a xustificación de Fernández Liñares, que intentou evitar a condena culpando ás sociedades que concursaban de todo e dicindo que el non tiña nada que ver no asunto. No entanto, os outros acusados explicaron como funcionaba o sistema.

Segundo comentaron nas súas declaracións dentro de esta peza separada da operación Pokemon había unha estratexia estruturada malia que non sempre se facían os pagos igual. Ademais, houbo escoitas telefónicas que “poñen ás claras as relacións entre o presidente da confederación e os acusados”.

Tamén se lle acusou de empregar o condutor oficial para “os seus negocios”; uns negocios polos que oito dos nove acusados restantes terán que pagar cun ano e tres meses de cárcere.

O letrado do outro acusado tivo unha estratexia diferente polo que quedou absolto por “falta de probas”.

Comentarios