Fugas no PP

O ex popular Diz Guedes preséntase con Cs á alcaldía de Tui

Un dos brazos máis fortes dos gobernos de Fraga, Juan Miguel Diz Guedes, anunciou a súa candidatura á alcaldía de Tui por Ciudadanos. O histórico militante do PP, que chegou a ser conselleiro tres veces con Manuel Fraga así como delegado do Goberno en Galiza, rivalizará agora co PP nas locais de maio.

Juan Miguel Diz Guedes
photo_camera Juan Miguel Diz Guedes con Manuel Fraga

Quen fora unha dos pesos máis importantes da Xunta de Galiza durante os mandatos de Manuel Fraga, o ex conselleiro Juan Miguel Diz Guedes, vén de presentar a súa candidatura á alcaldía de Tui baixo o cuño de Ciudadanos.

Após facer pública a súa marcha do Partido Popular a comezos de ano e entrever que contaba con máis de medio millar de apoios para presentarse á alcaldía, non formalizou até o de agora a súa candidatura, ofrecendo segundo afirmou “un proxecto en positivo". Afirmou que ten man tendida á “participación e o diálogo", xa que valorou que a poboación "atravesa un momento delicado desde o punto de vista económico e social" para o que apunta necesario recuperar a “convivencia”.

Após facer pública a súa marcha do Partido Popular a comezos de ano e entrever que contaba con máis de medio millar de apoios para presentarse á alcaldía

Juan Miguel Diz Guedes xa ocupou a alcaldía de Tui polo PP desde o ano 1987 ao 1990, logo foi conselleiro durante tres lexislaturas con Fraga, poñéndose á fronte de Xustiza e Interior, de Relacións Institucionais e de Agricultura. Tamén foi delegado do goberno en Galiza do 1996 ao 2000.

Pese a que anunciou a comezos de ano o seu paso a Cs, o certo é que Diz Guedes xa se apartara da primeira liña do PP desde a chegada de Feixoo. Agora, asegura estar disposto a dar a batalla na carreira electoral porque “despois dun mandato con moita crispación e enfrontamento, e que xerou enorme tensión política no concello, hai unha preocupación nos cidadáns", afirmou e prometeu á veciñanza “ devolvela á normalidade”.

 Destas premisas asegurou que sae o lema da campaña que enuncia un 'Tui en positivo'

Destas premisas asegurou que sae o lema da campaña que enuncia un 'Tui en positivo', que ao seu criterio avanza o sentido de todas as políticas que quere desenvolver e anunciou tamén que a súa candidatura conxugará renovación e experiencia.

Comentarios