Ex-militantes do PSdeG entran en Máis Galiza

Unidade da Esquerda Galega, formación reactivada a partir da entrada de catorce ex-militantes do PSdeG, anunciou a súa entrada en Máis Galiza, e polo tanto no proxecto Compromiso por Galicia, coa intención de favorecer a unidade do Novo Proxecto Común
Unidade de Esquerda Galega

O responsábel de Unidade da Esquerda Galega (UEG), Óscar Lomba, anunciou nunha conferencia de prensa conxunta co coordinador de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, a incorporación da súa formación a Máis Galiza. “Mantemos certa autonomía e unha estrutura que nos permita realizar actos propios”, deixou claro Lomba unha vez rematada a súa intervención ao resto de medios. A idea desta incorporación é, segundo comentou o propio Lomba, “fortalecer a alianza entre os dous proxectos: Compromiso por Galicia e Novo Proxecto Común”.
A UEG aportará a súa infraestrutura e militancia en Vigo, Compostela, Salceda de Caselas e Cangas. Óscar Lomba anunciou, ademais, que formará parte da Dirección Nacional de Máis Galiza.

A idea desta incorporación é “fortalecer a alianza entre os dous proxectos: Compromiso por Galicia e Novo Proxecto Común”.

Unidade da Esquerda Galega
A UEG naceu en 1994 con persoas do Partido Obreiro Galego, Unidade Galega e Esquerda Galega. Participaron en eleccións municipais e nos últimos anos diminuíu a súa actividade política. Agora, desde a entrada de ex-militantes do PSdeG, comezaron os contactos e as colaboracións co Novo Proxecto Común, no que traballa o Encontro Irmandiño. Estes últimos días realizaron unha conferencia política para preparar unha Asemblea coa que refundar o partido. Na súa conta de Twitter defínense como unha organización "socialista, ecoloxista, galeguista, internacionalista, que loita contra a explotación e dominación".

Comentarios