A ex deputada Carmen Gallego pide que Leiceaga non asuma a portavocía do grupo parlamentar

O día despois do 25S, o sector crítico non deixou pasar a oportunidade de exixir a cabeza do candidato á presidencia da Xunta. Foi a ex deputada Carmen Gallego quen asumiu a tarefa de demandar a Leicega que non asuma a portavocía do grupo parlamentar. O novo Parlamento galego vaise constituír o 21 de outubro.

Carmen Gallego
photo_camera Carmen Gallego, na súa etapa como parlamentar.

Gallego aliñouse con Méndez Romeu nas primarias que elexeron Leiceaga como número 1 da candidatura do PSdeG. Fai parte do sector que na Galiza lidera Abel Caballero e no Estado Susana Díaz, contrario quer ao grupo que controla a xestora galega do partido quer a Pedro Sánchez como secretario xeral.

En declaracións á SER Galiza, Gallego verbalizou esta segunda feira a tese que van defender os críticos nos próximos días, a de que o candidato Leiceaga non pode ser "a cara" do futuro grupo parlamentar, após ceder 4 escanos a respeito de 2012 e ser rebasado en votos pola candidatura de En Marea.

Ás declaracións críticas tamén se sumou Abel Caballero, o alcalde de Vigo que en plena campaña afirmou literalmente que Leicega non era o seu candidato. "Se nos dixo que se ía conseguir a presidencia da Xunta (...) alguén ten que dar explicacións [sobre os resultados]", afirmou Caballero, quen tampouco pode ensinar uns bons números na súa cidade, onde o PSdeG foi amplamente superado quer polo PP quer por En Marea.

Pedro Sánchez: "O candidato Feijóo fíxoo ben na campaña eleitoral"

De quen si recebeu apoios Leiceaga foi da presidenta da comisión xestora, Pilar Cancela, quen esta segunda feira afirmou en conferencia de imprensa: "Quero facer un recoñecimento a Xoaquín Fernández Leiceaga, que fixo un moi bon traballo con seriedade e coherencia, agora toca reflexionar con responsabilidade e estar preparados en próximas citas eleitorais”,

Mentres, na conferencia de imprensa que ofereceu en Madrid para anunciar a convocatoria dun congreso, Pedro Sánchez referiuse case de esguello aos resultados das galegas. Xustificou o retroceso do seu partido co argumento de que nestas eleccións concorría unha nova marca no campo da esquerda, en alusión a En Marea, e sorprendentemente admitiu que "o candidato Feijóo fíxoo ben na campaña eleitoral".

Comentarios