O ex conselleiro de Educación Jesús Vázquez dimite como concelleiro de Ourense e abandona a política

O que fora tamén alcalde da cidade invita a deixar a un lado as siglas. Na súa intervención no pleno municipal -na que rachou coa disciplina de voto do PP apoiando unha moción do BNG-, recoñeceu que "non" comparte moitas das decisións que se adoptaron polo PP local. Foi unha clara alusión á recuperación do pacto co rexedor Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), entre outras cuestións, e explicou que marcha porque "precisa volver" á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
O tamén ex conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nunha imaxe de arquivo. (Foto Europa Press)
photo_camera O tamén ex conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O popular Jesús Vázquez Abad, o que fora conselleiro de Educación con Alberto Núñez Feixoo e tamén acadara a Alcaldía de Ourense, presentou esta quinta feira a súa dimisión con concelleiro desta última cidade. Aliás, renunciou ao seu cargo como senador por designación autonómica, dando por fechada esta etapa na política activa.

O coordinador local do PP fixo pública a súa marcha no último pleno municipal, que implicará que o partido quede controlado por unha xestora até o próximo congreso. Vázquez, que revelou o seu destino ante as mensaxes doutras e outros edís na quenda de rogos e preguntas, recoñeceu que "non" compartiu moitas das decisións que foi tomando a formación.

Esta afirmación tivo tamén unha lectura en clave de goberno de coalición con Gonzalo Pérez Jácome e Democracia Ourensá -cunha profunda crise na terceira cidade da Galiza derivada da ruptura e posterior reactivación do pacto após non apoiar a moción de censura encabezada polo PSOE-, se ben garantiu que as diferencias non son o motivo da retirada.

A pesar de que era a premisa dos populares, Vázquez nunca ocultou os desacordos co alcalde, quen esta mesma semana o acusaba a través das súas redes sociais de facerlle "a oposición desde dentro". "Solicitará o Concello de Ourense fondos para levar a cabo proxectos na cidade ou pensará que cos aforros xa chega?", preguntaba no tweet ao que Pérez Jácome respondía "facendo oposición desde dentro... insólito".

Tras esa última pequena liorta pública, esta sexta feira, minutos antes de coñecerse a súa renuncia no Concello, rompía por primeira vez a disciplina de voto do PP, desde que se produciu o acordo de goberno, ao votar a favor nunha moción presentada polo BNG en relación aos fondos europeos para renovar a frota de autobuses locais mentres que o resto do partido abstívose.

Novos camiños

Respecto do seu futuro, aclarou que "necesitaba volver" á súa "outra casa", é dicir, á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense.

Antes de despedirse, comentou que fai seus "os fallos e os éxitos de todas as persoas" traballaron ao seu lado e que "é un pracer servir a Ourense".

"Se cadra é o momento indicado para pensar en Ourense e poñer os intereses da cidade por diante de todo e por encima do que son as siglas do noso partido político", subliñou. "Creo que Ourense merécese políticos que primen por encima das diferenzas, só así poderemos sacar esta cidade adiante", resumiu.

Comentarios