Evo Morales: “Jallalla Galiza, que Viva Galiza e os seus candidatos!”

O líder boliviano participa nun debate de Galiza Sempre con Ana Pontón e Ana Miranda.

evo3
photo_camera Un momento do debate

Bolivia e Galiza, os dereitos dos pobos e a solidariedade, centraron o 'Debate desde a Periferia' organizado pola Fundación Galiza Sempre e a Fundación Coppieters esta sexta feira e no que participaron o líder boliviano Evo Morales, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a representante nacionalista na UE, Ana Miranda.

Morales, presidente expulsado por un golpe de estado, amosou a súa confianza en que as eleccións de setembro permitan acabar co que cualificou de “ditadura da dereita” e continuar o proceso de construír “a outra Bolivia posíbel”. Iso si, o líder do MAS foi claro e apuntou que a “liña política dos Estados Unidos” pasa por que non haxa eleccións en Bolivia, buscando mesmo escusas para adialas “como a da pandemia do coronavirus”.

Ana Pontón, pola súa banda, salientou a “ilusión” que percibe de cara ás eleccións galegas do 12-X e destacou que a alternativa nacionalista procura tamén “construír un mundo novo e unha nova Galiza”.

Tres motivos

Morales defendeu que o sucedido en Bolivia fora un “golpe do gringo ao indio” e que esa manobra para expulsalo do Goberno respondía a tres factores principais.

En primeiro lugar, dixo, a que “empezamos a cambiar Bolivia e iso non o aceptan”. A construción dun estado ao servizo da “maioría”, apostando nos “dereitos” colectivos e no que “a vida estea por diante da prata”; non gostou nas elites do país nin a EUA.

Como tampouco gostou, dixo, que “queriamos unha América plurinacional e eles cuestionan iso”, pois os seus intereses baten contra o proxecto dunha Bolivia orgullosa “da nosa diversidade, da nosa identidade”.

Como terceiro factor, Evo Morales sinalou o litio e a aposta do seu Goberno por poñer as reservas deste prezado material ao servizo do pobo e fóra das mans das grandes empresas. “Foi, tamén, un golpe polo litio”, resumiu.

Ana Pontón transmitiu a solidariedade “da maioría do pobo galego” para con Evo Morales e lembrou a visita en 2004 do entón presidente a Galiza para falar da loita “contra a soberbia do imperio”. Tamén aquí, na Galiza, apuntou a portavoz nacionalista, había unha loita contra “a soberbia do centralismo” e contra unhas políticas “neoliberais” que mostraron o seu “fracaso” nesta crise da COVID-19.

“En Bolivia tamén privatizan os servizos básicos”, engadiu Evo, que insistiu en que as vidas “non poden ser mercancías” e que a actual pandemia mostra que cuestións como os medicamentos ou investigacións de saúde “non poden estar en mans de multinacionais”.

“É un delito”

Morales explicou como “desenvolver políticas nacionalistas e anti-imperialistas é un delito” que certos poderes non perdoan, ao tempo que se mostrou moi crítico co papel que están a xogar os grandes medios de comunicación, aliñados con intereses que considera que non son os das maiorías sociais.

O líder boliviano agradeceu a solidariedade da “irmá Ana e os irmáns galegos” e quixo rematar a súa intervención en lingua quechua, cun “Jallalla Galiza, que Viva Galiza e vivan os seus candidatos!”.

Comentarios