Espimos os programas electorais

Como evitar o deserto industrial?

Galiza conta con 20.000 traballadoras e traballadores menos que en 2009. O país camiña cara ao “deserto industrial”, alertan desde os movementos sociais, ante a perda continua de tecido industrial. Arrancou a campaña das xerais e o debate sobre o futuro industrial de Galiza está na mesa, e preocupa moito. Vexamos que defende cada formación política no seu programa.

estaleiros
photo_camera Estaleiros

Camiñamos cara a irrelevancia industrial, soportando unha perda importante de traballo no sector naval, nas electrointensivas, na automoción... que deixan a estremecedora cifra de contarmos na actualidade con 20.000 traballadoras e traballadores menos que no ano 2.009.

Ao mesmo tempo, diversos colectivos de investigación denuncian que o país deixou de apostar pola xeración de coñecemento e a innovación. En Marea puxo de relevo no Parlamento que mentres en Europa o gasto medio por habitante en I+D+I estaba no 2015 nos 593 euros; no estado a cifra é de 284 e na Galiza descende até os 181 euros.

Moitos dos problemas da industria veñen derivados da política enerxética e o seu prezo. A este respecto, desde o BNG consideran “insólito” que nun territorio produtor de electricidade como Galiza “haxa miles de empregos en xogo polo alto prezo da electricidade”.

O debate para o futuro industrial de Galiza está na mesa, vexamos que propón cada formación política no seu programa electoral.

O BNG defende un plan de industrialización de Galiza e frear as deslocalizacións

O Bloque aposta no seu programa polo desenvolvemento de políticas industriais que consoliden os sectores estratéxicos e “dean pulo a actividades novas, co apoio á innovación e investigación”.

Acreditan en que Galiza é un país con “enorme potencial económico” e critican as políticas do Estado por “pretenderen consolidar un papel dependente, que beneficia os intereses do grande capital e prexudica á clase traballadora”.

Impulsar unha banca pública galega e novas fórmulas de participación pública

Para cambiar o rumbo da economía galega, desde a formación nacionalista reclaman, a nivel financeiro, impulsar unha banca pública galega e novas fórmulas de participación pública, “reformulando os instrumentos do crédito e adoptando as medidas necesarias para que o aforro galego reverta en crédito e investimento no noso país”.

Avogan polo saneamento dos sectores industriais en crise e unha política de reindustrialización baseada no impulso á industria auxiliar, na optimización dos custos loxísticos e no apoio aos sectores industriais emerxentes e a I+D+i.

Situar os estaleiros galegos como referentes no ámbito mundial

O nacionalismo oponse á deslocalización e peche da actividade industrial que afecta a Galiza, e demanda que a Xunta se dote “dos medios necesarios” para acometer un plan de industrialización.

Ademais, comprométese a impulsar a construción civil naval en Galiza, “desde a modernización tecnolóxica” co obxectivo de situar os estaleiros galegos como “referentes no ámbito mundial”.

En Marea pula por unha economía produtiva e unha política industrial verde

Desde En Marea apostan por reverter o proceso de desindustrialización, poñendo o foco nos modelos de novas tecnoloxías limpas e estruturas de comunicacións “en forma de maia”, ante os actuais proxectos que, segundo afirman, concíbense como radiais ou cara á vertente mediterránea. Apostan tamén por investir na I+D+i e reverter o proceso de centralización das empresas públicas.

Unha banca pública ética ao servizo das persoas

 

Comprométense co fomento dunha banca pública ética ao servizo das persoas e a promoción de canles de comercialización curta, de proximidade, poñendo o criterio de compra local nos centros públicos. Nesa mesma liña, pulan polo fomento dos produtos locais da agricultura, a pesca, transformados alimentarios...

Unha política planificada para o sector naval e garantir carga de traballo

 

En canto aos estaleiros, defenden unha política planificada para o sector naval e garantir carga de traballo, e máis por unha política pesqueira que compatibilice a sustentabilidade ecolóxica coa económica e social.

En Común-Unidas Podemos aposta pola formación de clústeres industriais e impulsar a diversificación das pemes galegas

O programa presentado por En Común-Unidas Podemos conta cun epígrafe para “defender a industria galega”, no que propón actuar contra o prezo abusivo da enerxía, cun marco tarifario estábel e competitivo, “impedindo a deslocalización de multinacionais que recibiron subvencións e, chegado o caso, a propia intervención directa do sector público”

Unha estratexia de reindustrialización verde e economía circular

Promoven un plan de impulso do sector industrial galego, no que se contemplaría o incremento dos investimentos para a formación de clústeres industriais e o impulso da diversificación das pemes galegas. Contan tamén con desenvolver programas de apoio financeiro específicos para mellorar o valor engadido na transformación de produtos agropecuarios, do mar e forestais; aumentar o peso das actividades do sector naval e do aeronáutico, o de enerxía.

“Por unha estratexia de reindustrialización verde e economía circular”, avogan desde a coalición, para a creación de emprego en industrias cun impacto positivo sobre a contorna.

O PSOE comprométese a incrementar, como mínimo un 20%, o peso da industria no PIB

Dentro das 110 medidas coas que o PSOE se presenta ás eleccións xerais, anuncia un pacto de Estado pola industria, “coa participación de axentes sociais” e que “buscará dar cumprimento ao obxectivo da UE de incrementar como mínimo o 20% o peso da industria no conxunto do PIB estatal”.

Unha nova lei de industria que adapte o marco de regulación aos novos retos de dixitalización e descarbonización

Sánchez comprométese a aprobar unha nova lei de industria que adapte o marco de regulación “aos novos retos de dixitalización e descarbonización”, e que actualice a normativa sobre calidade e seguridade industrial. Nese sentido, optan por reducir “as cargas administrativas”, de cara a favorecer unha maior coordinación coas comunidades autónomas e os concellos.

Así mesmo, promete un plan específico para o medio rural e apostan por fomentar a instalación de enerxías renovábeis e de tecido industrial asociado a estas.

A receita do PP: máis bonificacións fiscais e máis neoliberalismo

Para o impulso da industria, o Partido Popular recolle no seu programa axilizar “ao máximo” o proceso de constitución de empresas, e sinalan que substituirán “en todos os ámbitos posíbeis” o sistema de licenza administrativa por un de declaración responsábel.

Así mesmo, anuncian que impulsarán o programa Startup Spain para a promoción do emprendemento e a innovación, e o apoio ao crecemento e internacionalización das pemes.

O PP quere impulsar unha reforma fiscal que “dinamice a inversión de capital privado e opta por reformar a lei para facilitar “o peche de empresas fallidas”.

Unha reforma fiscal que “dinamice a inversión de capital privado

Outras medidas versan sobre impulsar a industria de creación do videoxogos e dos contidos dixitais e comprométense a aplicar medidas fiscais para a implantación en empresas da industria 4.0 en España.

En sintonía coa defensa do “libre mercado”, comprométense ao avance do mercado común europeo defendendo as “catro liberdades fundamentais”: libre circulación de mercadorías, de traballadoras e traballadores, de servizos e de capitais.

Ciudadanos, aínda sen programa, aposta polo traballo xuvenil desde Navantia

Xa iniciada a campaña electoral, o partido de Albert Rivera continúa sen programa electoral. A semana pasada, a deputada nesta lexislatura por Madrid e actual candidata pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz, visitou Navantia, onde salientou a importancia que ten para o emprego da comarca esta empresa e apostou polo traballo xuvenil, xa que considera que empresas como Navantia “precisan un cadro renovado e preparado para os retos do século XXI”.

Comentarios