DPG2017

Eva Solla: "Precisamos a memoria para ter futuro como pobo"

Esquerda Unida apostou na memoria para facer o seu acto o Día da Patria Galega. Fíxoo en Mugardos, unha evocación da figura do alcalde do PCE Juan Prieto Balsa, fusilado polos fascistas na noite do 24 de xullo de 1936.

Acto Esquerda Unida en Mugardos. Día da Patria Galega 2017.
photo_camera O alcalde de Ferrol, Eva Solla, Xabier Ron e Pilar Díaz

"Precisamos a memoria para ter futuro como pobo. Cómpre coñecer e reivindicar a nosa memoria para loitar por un futuro republicano, xa que non podemos construír nada sen coñecer o noso pasado", afirmou durante o acto a coordenadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta segunda do Parlamento por En Marea, Eva Solla.

Oficiou de apresentadora deste encontro político a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, quen agradeceu a Esquerda Unida que tivese "como primeira e única opción a idea de celebrar aquí un acto que reivindica a importancia de ser unha nación con Memoria e, neste caso, dedicar o día á memoria de Prieto Balsa, nomeado alcalde a 14 de marzo de 1936 e fusilado a 24 de xullo de 1936 no levantamento militar".

No acto tomou a palabra tamén o membro da Executiva de EU Xabier Ron, quen deu leitura ao manifesto "25 de Xullo. Unha Nación con Memoria" lanzado pola formación esquerdista co gallo do Día das Letras 2017.

Comentarios