xoves 15/04/21

Eva Solla: "A impunidade da Coroa e dos seus membros é un problema para a democracia"

Con motivo do centenario do Partido Comunista de España (PCE) e das múltiples actividades que se realizaran para celebrar os 100 anos, Nós Diario conversa coa secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (PCG), Eva Solla (Vigo, 1984), sobre a folla de ruta e axenda política da formación e do que implica ser comunista na actualidade. 
eva 8
Eva Solla, secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (Foto: A. Mera)

-"Un futuro con partido", di o lema da campaña de conmemoración do centenario do PCE. Está claro que o Partido Comunista ten historia, mais ten futuro?
Desde logo. Aínda que a sociedade e as condicións de vida materiais da clase obreira en España e na Galiza mudaron moito, as dificultades seguen a ser notorias e as diferenzas entre clases seguen a existir, motivo para que continúe a existencia do partido. E por suposto que ten futuro, seguimos presentes e a ser necesarias no conxunto das loitas sociais. 

-Que significa ser comunista no ano 2021?
Implica o mesmo compromiso que leva implicando historicamente, aínda que as condicións sexan hoxe diferentes. Non nos xogamos a vida nin elementos tan importantes da liberdade como na guerra ou no franquismo, mais obviamente significa manter un compromiso de militancia.

É imprescindíbel a solidariedade entre a clase e iso significa que as e os militantes comunistas teñen que estar nos conflitos sociais, laborais, apoiando as mulleres e homes que loitan polos seus dereitos. Ser comunista significa un compromiso material de tempo e  arriscar dereitos, non podemos esquecer que hoxe segue pervivindo a lei mordaza e outras normativas que poñen en perigo a clase traballadora que loita.

-O PCE foi moi represaliado. Considera que a memoria democrática é materia pendente?
No debate da lei de memoria histórica (2007) presentamos moitas emendas que o PSOE rexeitou. Con todo, vimos que era un avance xa que previamente non tiñamos ningunha norma ao respecto.

Agora, no caso da lei de memoria democrática, dentro do Goberno estatal e posteriormente no debate no Congreso, o noso grupo parlamentar [Unidas Podemos] presentou emendas sobre cuestións que fican fóra da lei e son imprescindíbeis, como é a derrogación de moitos elementos da lei de amnistía que implicaron que quedasen inmunes os torturadores que reprimiron demócratas que loitaban contra o franquismo.

A nova lei supón un avance, porque mellora a anterior, mais segue a ser insuficiente. É necesario seguir pelexando para que se recoñezan os dereitos das persoas represaliadas e que se castigue os represores do réxime franquista. 

-É irrenunciábel lograr a III República española?
Evidentemente. Ademais tense que facer xustiza. A pervivencia de impunidade da Coroa e dos seus membros é un problema para a democracia. Temos presentado varias querelas, que teñen sido recentemente reabertas contra o rei emérito e, lamentabelmente, no marco do Goberno en que participamos, o PSOE segue a impedir que se xulgue o emérito, algo incomprensíbel, pois é unha persoa que a todas luces delinquiu.

Por outra banda, a república non é un elemento decretábel senón que se precisa dunha base social e de traballo. O significado para nós de república ten a ver coa propia res publica, cos dereitos sociais e servizos públicos. Non nos valería unha república de dereitas. 

-E o encaixe das nacións como sería nesa república?
Sempre fomos unha forza federalista. O actual modelo é insuficiente para dar resposta ás demandas de carácter nacional dos diferentes territorios, á vista están as tensións que se xeraron nos últimos anos en Catalunya e que en moitos casos son prexudiciais para o avance doutros dereitos, é dicir, non resolver isto impide avanzar noutras cuestións.

No caso de Catalunya é claro: ao longo destes anos os servizos públicos foron en gran medida privatizados, mais desviouse a atención das cousas de comer por unha cuestión que, desde logo, ten que ser resolta. Mais non se vai solucionar con represión e coacción de persoas que teñen ideas diferentes, como está a acontecer no Estado español. Estamos por un modelo federal, amplo, consensuado, que dea cabida a persoas que defenden outras propostas, nacionalistas, independentistas...

-Por primeira vez o PCE ten unha militante na Vicepresidencia do Estado, que ademais pertence ao PCG: Yolanda Díaz. Como valora este feito?
Yolanda Díaz segue formando parte do Partido Comunista, e aínda que non participe dos órganos do PCE a incidencia interna no partido é unha cuestión menor. Está a facer un traballo relevante no Ministerio de Traballo nunha situación de crise moi complicada. Tivo un dos mellores papeis no Goberno e entendemos que fará un traballo positivo nesa Vicepresidencia. 

-Após non obteren escanos nas eleccións galegas, como enxergan a súa histórica aposta pola unidade popular?
A unidade popular non é só confluencia electoral, senón que é algo máis importante e que debe facerse pola base. Levamos anos practicando acordos de coalición e tanto o PCG como Esquerda Unida (EU) seguen crendo na necesidade da unidade de esquerdas.

Os resultados nas eleccións galegas foron negativos e hai que reformularse o método, a forma de traballar ou os procedementos. Isto debaterase na asemblea nacional que EU este ano.

Alerta comunista ante o auxe da ultradereita

“Estase a producir algo que desde o marxismo se explica como a batalla cultural. Dentro e fóra do Estado español estase a dar un auxe da extrema dereita e é unha realidade a batalla cultural que esta está a dar desde as atalaias que supón os seus medios de comunicación, con toda a capacidade que teñen de inxección económica a través de terceiros, como vemos no caso de Vox. Ademais, cunha crise que pega duro nas clases populares, as persoas son máis susceptíbeis ante ese discurso de odio da dereita. Hai que atender moito a batalla cultural pero tamén as necesidades da clase traballadora, que neste momento está a pasalo moi mal a nivel salarial e de precariedade, e por aí accede 
a ultradereita", afirma Eva Solla.

comentarios