Euskal Herria: EH Bildu é a forza máis votada

Logra os mellores resultados da súa historia, perto de 370.000 votos.

Sen titulo

EH Bildu é a forza política máis votada este 28-M nas eleccións municipais en Euskal Herria. Logra 27% dos votos, un de cada catro sufraxios depositados nas urnas vascas este domingo. Arrebata ao PNV o liderado en Gipuzkoa e é a forza máis votada en Gasteiz, unha das catro capitais vascas.

Nos comicios de hai catro anos o PNV tiña unha diferenza sobre EH Bildu de 60.000 votos. Desta volta, a esquerda abertzale gañou a disputa: 366.000 votos fronte aos 322.000.

En canto a edís, EH Bildu logrou 1.399 mentres que o PNV ficou en 986. 

Un segundo dato que confirma este éxito no ámbito municipal: EH Bildu logra por primeira vez ser a primeira forza en Gasteiz, e disputou até o final Iruñea e Donostia. Nesta é segunda forza, ao igual que en Bilbo

Estes datos toman maior valor se se ten en conta que a abstención aumentou case seis puntos. EH Bildu logrou máis sufraxios a pesar de que votou menos xente.

Para Arnaldo Otegi, as eleccións municipais deste domingo non foron meramente municipais, senón "o primeiro paso dun cambio de ciclo". "Somos a primeira forza política no conxunto de Euskal Herria", destacou, xa que é un dato que pasa desapercibido. Nunha comparecencia en Donostia, o coordinador xeral de EH Bildu valorou estes resultados como "o primeiro paso".

Otegi dixo que hai unha marea que ía subindo lentamente, pero este día o nivel de auga chegou "moi alto". Aínda que pasou desapercibido, sumando estes resultados cos de Iparralde, "somos a primeira forza política no conxunto de Euskal Herria", destacou Otegi entre aplausos. "Hoxe dixemos que ía ser máxico e así foi – arrincou o seu discurso Otegi-. Expuxemos solucións máis aló do ruído ", lembra. Ao seu xuízo, a campaña de EH Bildu "foi exemplar".

Comentarios