O BNG propón unha Galiza soberana fronte a UE

A organización nacionalista aprobou o seu programa electoral cara ao 25 de maio. Auditar a débeda, defender os intereses "das clases populares" e avanzar "no recoñecemento" de Galiza como nación, centran os principios programáticos do BNG ante as eleccións europeas.

bloco
photo_camera [Imaxe: BNG]

O Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego aprobou este sábado (5 de abril) o programa electoral co que a organización frontista concorrerá ás eleccións do Parlamento europeo. 

O BNG apresenta unha campaña de combate aos poderes políticos e económicos europeos aos que responsabiliza de boa parte da situación que atinxe Galiza. Entre os principios programáticos que defenderá a fronte nacionalista sitúanse, pois, a defensa dos intereses das clases populares e dos sectores produtivos do país nunha campaña que terá como eixo a conquista da soberanía para Galiza.

'Soberanía, democracia e dereitos' 

Capacidade de decisión real sobre os asuntos que lle afectan a Galiza. Ese é o cerne do programa electoral co que o BNG concorre aos comicios europeos. 'Soberanía, democracia e dereitos' face unha Unión Europea, recollen no seu programa, "antidemocrática", "antisocial" e "contraria aos intereses de Galiza". E é que para o BNG, fica claro que boa parte da situación económica do país resulta das decisións de Bruxelas, executadas polos gobernos de Madrid e da Xunta.

Neste senso, @s nacionalistas apreséntanse como "a única garantía de que Galiza teña unha voz directa e crítica" en Europa. Unha premisa que avalan co traballo desenvolvido pola súa candidata, Ana Miranda, ao longo do último ano.

Conflitos como os das preferentes, a loita en defensa do territorio e contra a minaría contaminante, os intereses do sector agro-gandeiro perante a reforma da PAC ou a defensa do sector pesqueiro galego face unha "marxinación" cada vez maior no conxunto do Estado, son algúns dos conflitos que tiveron voz no Parlamento europeo através do escano do BNG e que, agora, a organización frontista recalca para se definir como "valedora" dos intereses "dos sectores produtivos e da economía galega" en Bruxelas fronte, din, "a destrución á que este modelo de UE nos aboca". 

O Bloque preséntase como "a única garantía de que Galiza teña voz directa e crítica" en Europa

Defender os intereses "das clases populares" fronte unha UE "antisocial"

Neste senso, o programa electoral do Bloque prioriza a loita a prol da capacidade de Galiza para decidir sobre os seus recursos en aras, din, de os xestionar en virtude dos intereses das "clases populares" e "do país" e non da "tecnocracia" que, denuncian no programa electoral, goberna a UE. 

Aliás, o documento aprobado este sábado centra o plan de traballo do BNG na loita a prol dos "intereses dos movementos sociais da Galiza" e das traballadoras e traballadores do país en contraste co carácter, salientan, "antisocial" e "antidemocrático" das institucións europeas.

A organización frontista defende "introducir unha renda social europea", de modo a "impedir os actuais procesos de empobrecemento" que atinxen "capas cada vez máis amplas de poboación". Tamén así, propón auditar a débeda dos Estados e declararse "insumbisos" a aquela que sexa "ilexítima". Apostar na "protección social pública" e a creación de "parques de vivenda" de aluguer social , son algunhas das medidas que inclúe o programa do BNG. 

Defenden a a creación dunha renda social europea e a auditoría da débeda 

Avanzar no recoñecemento de Galiza como suxeito político

A organización frontista completa a súa proposta electoral cun obxectivo chave, avanzar "no recoñecemento da existencia política de Galiza como nación, do seu dereito a decidir por si propia e a participar directamente nos foros" onde se decidan todas aquelas cuestións que lle afectan.

Para @s nacionalistas non se poderá mudar a actual realidade política e económica se Galiza non posuír capacidade para decidir sobre os seus propios recursos e intereses. Neste senso, defenden a participación de Galiza na "delegación estatal" que toma parte nos Consellos de Ministr@s da UE, articular "mecanismos de consulta, participación e intervención dos poderes políticos galegos" nas decisións europeas e "garantir" a súa participación directa "na elaboración de políticas vinculantes que lle afecten" naquelas competencias que lle son exclusivas. 

Comentarios