O eurodeputado de Podemos Jiménez Villarejo oponse ao referendo de autodeterminación en Catalunya

Primeiras disintonías en Podemos.

villarejo
photo_camera Foto: Vilaweb

Nunha entrevista en El País, o ex fiscal anticorrupción Carlos Jiménez Villarejo, cidadán catalán, afirma que no seu momento se afastou de Iniciativa per Catalunya precisamente polo apoio emprestado pola formación liderada por Joan Herrera á consulta autodeterminista do 9 de Novembro.

Jiménez Villarejo declara: "Podemos é un movimento moi amplo e no seu programa fai unha referencia vaga ao direito a decidir dos pobos e non se alude a Catalunya". Vai alén diso e retoricamente pergúntase: "Por que non consultamos aos cidadáns sobre que medidas cómpre aplicar sobre os despexos e colocamos a banca no seu lugar?".

Consulta "tramposa e capciosa"

Esta posición de Jiménez Villarejo contrasta co discurso oficial do partido, respeitoso co dereito a decidir dos pobos. "Opóñome á consulta", di o eurodeputado eleito, "e máis do xeito en que se ten plantexado, que me parece tramposa e capciosa".

Outro asunto polémico que atinxe a Jiménez Villarejo é o da súa disponibilidade a tomar posesión da acta de eurodeputado ou non. Por razón da súa idade, antes da campaña, manifestara que non chegaría a asumir o mandato. Fontes de Podemos mesmo informaron a Vilaweb que non o faría e que no seu canto sería eurodeputada a sexta da listaxe, Tània González.

Pois ben, na entrevista Jiménez Villarejo asina un trasacordo e revela que si tomará posesión do seu escano.

Comentarios