EU renderá tributo á memoria e aos valores republicanos cun acto en Mugardos o 25X

Convocado á mesma hora en que En Marea realiza, en Compostela, o seu primeiro acto como tal con motivo do Día da Patria Galega.

EU
photo_camera Ron e Solla

Anova coa súa romaría en Galeras (Compostela) ás 13.30 horas, En Marea co seu acto político na Finca de Vistalegre (Compostela tamén) ás 12.30... e Esquerda Unida cunha homenaxe aos valores republicanos en Mugardos ás 12 horas. Estes son os actos confirmados da confluencia e dos seus diversos componentes para o 25X. 

Esta quinta feira foi a quenda de EU anunciar a súa actividade política para o Día da Patria Galega. Fixérono, en conferencia de imprensa, a súa coordenadora nacional, Eva Solla, e o membro da Executiva Nacional desta formación, Xabier Ron.

O evento será en Mugardos ás 12 horas e consistirá nunha homenaxe ao alcalde republicano Juan Prieto Balsa, "un dos primeiros represaliados dunha ditadura sanguenta", en palabras de Ron. Prieto Balsa, alcalde do PCE, foi asasinado polos fascistas a 24 de xullo de 1936. 

Esquerda Unida no só convoca a súa xente neste acto, senón que tamén aproveita a data para lanzar un manifesto, Unha Nación con Memoria, en que a formación salienta que "non se pode construír o futuro da Galiza desde o esquencemento".

Comentarios