EU e Podemos na Galiza devolverán case 60.000 euros ao Parlamento e En Marea 50 céntimos

Estes cartos correspóndense coas contas de 2020 e deben entregalos após non obter representación nas eleccións de xullo, pois xa non teñen representación na Cámara galega.
Imaxe do Parlamento despois da ruptura de En Marea. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe do Parlamento despois da ruptura de En Marea. (Foto: Europa Press)

Os antigos socios de Anova, EU e Podemos, e En Marea terán que devolver asignacións parlamentarias despois de non conseguir representación no Parlamento nas últimas eleccións, decorridas en xullo. A Mesa da Cámara requiriu en novembro de 2020 que se entregasen as contas correspondentes ao ano pasado. En concreto Podemos na Galiza e Esquerda Unida terán que devolver preto de 60.000 euros e En Marea 50 céntimos.

Esta situación inédita no país chegou a provocar dúbidas sobre que había que facer co diñeiro que había nas contas dos grupos, xa que o proceder de cada un deles, incluídos o PPdeG, BNG e PSdeG é diferente e algunhas forzas políticas, de feito, operan cunha soa conta para o partido e o Parlamento.

Os balances foron entregados recentemente no rexistro do Pazo do Hórreo -o prazo remataba a mediados de decembro-, tanto polos que foron integrantes do Grupo Común da Esquerda (que concorreron con En Marea e que proceden das formacións Podemos, Anova e Esquerda Unida), como do Grupo Mixto (que ao final da lexislatura quedou integrado só por deputados da listaxe de En Marea, incluído o seu candidato á Xunta, Luís Villares).

Estes documentos, que puideron ser consultados por Europa Press, amosan unhas contas saneadas en ambos os casos, coa diferenza de que o Grupo Mixto fixo unha transferencia en concepto de achega a partido político por valor de 30.000 euros, un traspaso de diñeiro que é habitual e que se repite nos balances doutros partidos.

No Grupo Común da Esquerda, que como tal non tiña partido matriz porque os membros procedían de distintas forzas políticas, presenta unhas contas con activos de próximos aos 60.000 euros que non se repartiron (aínda que si figura unha achega de 14.000 a formación política) e que agora terán que devolverse ás arcas da Cámara galega.

En concreto, revélase un activo neto por valor de 58.689 euros que, salvo axustes de última hora por facturas que puidesen chegar nos últimos días (acaban de terminar un proceso xudicial coa reclamación ante o TSXG de documentación da comisión das caixas), serán reintegrados ao completo.

Sen dispoñibilidade total aos balances

Os fechamentos de contas do Grupo Mixto e do Grupo Común da Esquerda son os únicos aos que se pode acceder polo momento. Na web de Transparencia da institución autonómica si que aparecen os correspondentes a 2019.

Segundo os datos dos últimos balances completos presentados, a falta de coñecer os do final da lexislatura, entre todos os grupos destináronse 122.331,35 euros máis do que ingresaron do Parlamento durante 2019, unha situación derivada das contas de PPdeG, PSdeG e BNG, aínda que os seus números estaban saneados ao peche do exercicio saneados e presentaban as súas cifras de tesouraría en verde.

Comentarios