EU pide a Sueiro que ''reconsidere'' a decision de non ceder o escano a Anova

Carmen Iglesias Sueiro, número 2 por Ourense de AGE, é a primeira na listaxe para suceder a David Fernández Calviño. Advertiu de que fará valer o seu dereito a entrar no Parlamento, aínda que teña que ser como non adscrita.

anova
photo_camera Sueiro e Calviño [Imaxe: Anova]


O Consello Político Nacional (CPN) de Esquerda Unida acordou este sábado de maneira unánime "solicitar" a Carmen Iglesias Sueiro, número 2 de AGE por Ourense, que "reconsidere" a súa negativa de renunciar á acta de deputada. 

Sueiro é a primeira na listaxe para suceder a David Fernández Calviño, pendente de aceptar unha bolsa de investigación que o levaría a deixar o seu escano. Porén, de entrar Sueiro, Anova ficaría con tres deputad@s --Xosé Manuel Beiras, Chelo Martínez e Antón Sánchez-- namentres EU obtería máis unha representante que viría a se sumar @s cinco actuais --Yolanda Díaz, Manuel Fajardo, Xabier Ron, Ramón Vázquez e Eva Solla--. 

Para "non alterar máis a desproporción" en AGE

"Este CPN fará valer e respetará os acordos internos do grupo parlamentar", sinala a resolución aprobada, na liña de "respectar o equilibrio e non alterar máis a desproporción existente no grupo saído das urnas". Subliñan que "posto que cesa ten que ser substituído por outra persoa da mesma formación política" e por iso neste caso quen debe suceder a Fernández Calviño será Isabel Pérez Docampo, militante de Anova.

Porén, Sueiro manifestou xa a súa disposición a entrar na Cámara galega mesmo se o ten que facer como non adscrita. "E iso vai á misa", sentenciou. Perante esta actitude, o CPN acordou solicitarlle que "reconsidere" a súa postura. Do contrario enfrontaríase a unha posíbel expulsión de EU.

Comentarios