EU, integrada en ACE, di que tomará "medidas" se a alcaldesa de Cangas non restitúe aos edís socialistas cesados

"Non se pode poñer en xogo a gobernabilidade do Concello", indica.

A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas. (Foto: Concello de Cangas) #victoriaportas #cangas #pactodegoberno #municipal #alcaldesa
photo_camera A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas. (Foto: Concello de Cangas)

Esquerda Unida, integrada en Alternativa Canguesa de  Esquerdas (ACE), advertiu que tomará as "medidas oportunas" se a alcaldesa, Vitoria Portas, que forma parte da mesma coalición, non restitúe os edís do PSOE cesados a pasada semana, tal e como lle solicitou.

A coordinadora comarcal de  EU no Morrazo, María José González, explicou que, polo momento, a súa formación "está á espera" de coñecer se a rexedora "rectifica" o que tachou de "despropósito". En todo caso, e ante o feito de que os edís do PSOE cesados non fosen restituídos nos seus cargos, afirmou que a súa formación "estudará a súa postura", xa que, segundo defendeu, "non se pode poñer en xogo a gobernabilidade do Concello".

Así mesmo, criticou a xestión da rexedora e reprobou que se suspendesen as dúas últimas xuntas de Goberno, cuxa importancia para o municipio remarcou.

A pasada semana, Vitoria Portas cesou 2 dos concelleiros do PSOE que conformaban o Goberno loca xunto a outros tantos de ACE (unha deles, membro de  EU-EU) por unha "perda de confianza" tras "as últimas actuacións na praia de Rodeira" que afectaron a "parte das dunas" e que foron paralizadas preventivamente pola Xunta ante unha posible afectación a unha especie ameazada, a  xesta de Ons.

Ante esta situación e a "negativa" do edil de Urbanismo e Deportes, Eugenio González, e a concelleira de Medio, Mar, Rural e Voluntariado, Pilar Nogueira; a dimitir, a rexedora optou por cesalos. 

Posteriormente, González, que tamén ostenta a  portavocía do Grupo Municipal Socialista de Cangas, deu por "finalizado" o pacto de Goberno e anunciou que as outras dúas  edís do PSOE abandonarían os seus cargos.

Mentres,  EU solicitou a restitución dos concelleiros cesados e denunciou que a "responsábel" das actuacións no areal foi a rexedora, que "autorizou" coa súa firma dixital a entrada de maquinaria no areal para preparalo para acoller unha proba deportiva que finalmente levou a cabo noutra praia ante a polémica xerada.

Comentarios