‘Eu denuncio’: miles de persoas ateigan Bilbo para exixir que se respecten os dereitos dos presos vascos

Perto de 80.000 persoas participaron na mobilización convocada pola plataforma Sare Herritarra. 

euskal presos bilbo sare

‘Euskal presoak, euskal herria’. Dereitos humanos. Resolución Paz’ En torno á faixa que recollía este lema marcharon este sábado en Bilbo miles e miles de persoas, nunha das mobilizacións máis multitudinarias dos últimos anos en Euskal Herria. ‘#SalatzenDut’ (Eu denuncio) foi a palabra de orde da marcha e da campaña que decorre desde hai semanas para pedir o respecto dos dereitos dos presos vascos. A súa imaxe, un puño co índice erguido.  A fin da política de dispersión, a posta en liberdade dos presos con enfermidades moi graves, a fin do réxime FIEs foron algunhas das demandas presentes na xornada. Según o cálculo de Gara, por volta de 78.000 persoas participaron na manifestación.

Bilbo manifestación presosA mobilización contou cun amplo apoio de organizacións políticas, sindicais e culturais para alén de múltiples movementos e entidades sociais. Na cabeceira da marcha, familiares de presos vascos. O 81% destes presos cumpren condena a máis de 500 quilómetros dos seus fogares, co que iso implica para familias e amizades. A faixa principal foi levada por varias persoas, entre elas ex-presos de ETA, a filla de Santi Brouard, dirixente de HB asesinado polos GAL, e Rosa Rodero, viúva dun ertzaina asasinado por ETA.

A marcha estaba convocada por Sare Herritarra. Colapsou a rúa Autonomía e rúas adxacentes cunha maré de xente procedente de diferentes partes de Euskal Herria e tamén doutros territorios. Un dos seus voceiros, Joseba Azkarraga, denunciou a política penitenciaria do goberno español e afirmou que a presenza en Bilbo de miles de persoas amosaban que o pobo vasco estaba firmemente comprometido co proceso de paz malia a postura do executivo español.

"Que se escoite isto en Madrid e en París. Que se están a vulnerar os dereitos dos presos e presas vascas!" denunciaron na alocución final representantes de Sare. "Queremos poñer fin ao non dereito que aplica o estado español". "Non imos parar até que todos os presos estean en Euskal Herria".

Comentarios