EU aceptaría a Iglesias e desvincula a decisión dos 65.000 euros que tería perdido o grupo parlamentar

Así o recoñeceu o seu secretario de Organización, Rubén Pérez, que se amosou "sorprendido" polas declaracións de Beiras cando anunciou que aceptaría a Iglesias Sueiro no grupo parlamentar de maneira unilateral. 

Yolanda Díaz e Rubén Pérez [Imaxe de arquivo: EU]
photo_camera Yolanda Díaz e Rubén Pérez [Imaxe de arquivo: EU]

Após abrirlle un expediente sancionador e iniciar o seu proceso de expulsión por ter incumprido os acordos alcanzados con Anova e rexeitar outorgar a acta de deputada á organización, Esquerda Unida non porá atrancos a entrada de Carmen Iglesias como integrante do grupo político de AGE se a coligación o acepta. 

Segundo recolle o xornal Faro de Vigo, Rubén Pérez, secretario de Organización de EU, avanzou que a súa formación "non quer impor" a súa posición no conflito do escano de Ourense.

Rubén Pérez di que o conflito non fará rachar a coligación mais Espazo ecosocialista pide que se reconduza

A respeito do anuncio de Beiras quen dixo aceptou a entrada de Sueiro como parte do grupo parlamentar de maneira unilateral e mesmo en contra do criterio expresado pola asemblea comarcal de Anova-Ourense, Pérez recoñeceu que "foi unha sorpresa" mais rexeitou que isto fose supor un problema no seo dunha formación que, dixo, "non rachará". Mais o certo é que a substitución de Fernández Calviño e a xestión que do conflito xerado está a facer a dirección de Anova, está a espertar duras críticas entre os socios de coligación.

A entrada de Carmen Iglesias ao Pazo do Hórreo --que podería formalizarse a vindeira terza feira (16 de decembro)-- será aprobada de maneira formal, segundo recolle o citado medio, esta segunda feira nunha xuntanza do grupo parlamentar. Porén, Esquerda Unida continúa cunha axenda propia e convocará o seu Consello Político a finais da vindeira semana para abordar a situación. 

O responsábel de Organización de EU desvinculou a decisión adoptada --que contrasta coa opinión que a formación mantén desde o comezo do conflito polo escano-- da perdas económicas que para o grupo parlamentar de AGE tería suposto a entrada de Iglesias no Grupo Mixto -deixaría de ingresar por volta dos 65.000 euros- e atribúe a mudanza á redución dos tempos de intervención para os grupos da oposición, algo que, di, "daría munición ao PP". 

Comentarios