A 'estratexia' para atallar a soidade non desexada verá a luz nos "próximos días"

Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, instan a Xunta a reforzar os servizos de saúde mental no Sergas.
A estratexia buscará favorecer servizos como o de axuda ao fogar (Foto: Europa Press)
photo_camera A estratexia buscará favorecer servizos como o de axuda ao fogar (Foto: Europa Press)

Nos "próximos días" a Xunta presentará a Estratexia galega contra a soidade non desexada ás entidades do sector, segundo confirmou esta cuarta feira, 10 de marzo, a conselleira de Política Social, Fabiola García, en resposta a unha interpelación do PSdeG no Parlamento. A conselleira resaltou a importancia da colaboración cos concellos para detectar estes casos, que na súa maioría son mulleres. De facto, os datos do Instituto Nacional de Estatística sinalan que até 126.000 mulleres residen soas na Galiza. 

A conselleira explicou que se buscará actuar de modo preventivo mediante o impulso de actividades que favorezan as relacións sociais, e que se impulsarán as vivendas comunitarias e servizos como o de axuda ao fogar.  

Falta de avances

A deputada do PSdeG Marina Ortega reprochou á conselleira que xa anunciou a Estratexia galega contra a soidade non desexada hai máis dun ano e que non pasou de ser un anuncio.

Aliás, propuxo a promoción dun observatorio específico que realice "unha radiografía" da poboación en situación de soidade non desexada e apostou pola creación dun equipo que aborde os resultados do estudo e colabore coas universidades e axentes implicados. Tamén subliñou a necesidade de dispor de niveis de alerta no ámbito preventivo.

Saúde mental

Durante o pleno de compareceu o conselleiro de Sanidade, Julio García, que avanzou a contratación neste ano de 120 profesionais para reforzar a atención á saúde mental, e sinalou que tamén en 2021 se prevé licitar a redacción e execución do proxecto da unidade infanto-xuvenil deste ámbito no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado pediu aumentar nos orzamentos da Xunta de 2021 os recursos destinados a sufragar o "anunciado" Plan de saúde mental poscovid-19 con 21 millóns.

A nacionalista demandou a creación nos centros de saúde de Atención Primaria de prazas especialistas en distintos ámbitos que permita configurar equipas multidisciplinares para a prestación dunha atención integral en materia de saúde mental.

Ademais, instou a Xunta a crear unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias e a realizar un estudo para determinar os efectos que a pandemia está a ter na saúde mental. Tamén reclamou recursos para contratar profesionais, diminuír as listas de agarda e abordar a prevención do suicidio, sendo na Galiza a primeira causa de morte violenta. 

Comentarios