Marcos Cal, candidato de Recuperar a Ilusión

"Estamos nun momento de pasar á ofensiva, non nun momento de resistir"

38 anos. Pontevedrés. Activista do 15 M. Parlamentar de En Marea no Hórreo. Ostenta, con Ángeles Rodríguez Pam, a representación galega na candidatura de Íñigo Errejón a Vistalegre II. Ten claro que o camiño para "gobernar en 2020" non é "cavar trincheiras", senón abrir Podemos e empoderar a cidadanía. Non ve nengún risco de escisión e reivindica o dereito "das inscritas e dos inscritos" a decidir en cada proceso eleitoral se a formación morada vai ás urnas soa ou na compaña de En Marea. 

Marcos Cal. Podemos Galicia. Candidatura de Errejón en Vistalegre II
photo_camera Marcos Cal


-Que trazos resumirían sinteticamente o sentido e as propostas da vosa candidatura?

-Na cuestión estratéxica entendemos que hai unha diferenza de análise clara. Nós entendemos que a ventá de oportunidade segue aberta, que neste momento temos un goberno débil e o réxime tivo que sacrificar o bipartidismo, que era a súa chave de bóveda. Estamos nun momento de pasar á ofensiva, non nun momento de resistir e cavar trincheiras. Estamos nun momento de despregar velas e de tomar a iniciativa e de ir arrancando vitorias nas institucións, á vez que imos tecendo rede, que imos construíndo pobo e traballando cos colectivos sociais e na rúa. Pero principalmente a diferenza pode estar en que nós entendemos que nas institucións temos que arrancar vitorias e conseguir avanzos. Na cuestión organizativa, é o momento de descentralizar a organización, de empoderar a cidadanía, e de construír cara dentro o que propoñemos cara fóra. Cara fóra propoñemos un Estado plurinacional e descentralizado, pois cara dentro ten se que ver reflectido. Se propoñemos un Estado máis feminista que blinde os orzamentos de igualdade, pois cara dentro tamén o temos que facer [ser máis consecuentemente feministas].

-Poderíase dicer que a vosa candidatura coloca gobernar como prioridade e, en troca, a de Pablo Iglesias, non?

-Non, eu non creo que eses sexan os termos que nos diferencian. Nós entendemos que temos que arrancar vitorias nas institucións, que temos que tomar a iniciativa para ir dando respostas á xente que nos votou, non podemos agardar e dicerlle á xente que confiou en nós que ten que agardar catro anos e que durante este tempo non se poden acadar vitorias... nós podemos xa derrogar o imposto ao sol, podemos xa derrogar a lei mordaza, podemos derrogar a lei eleitoral. É dicer, podemos dar pasos cara adiante para a xente ver que somos úteis dende xa e iso reforce a súa confianza de cara ao futuro. Para gañar as eleccións de 2020, temos que comezar a gañar desde xa.

-A vosa candidatura chámase Recuperar a Ilusión. Por que cres que se perdeu a ilusión?

-Ben, temos que recuperar o rumo co que nacemos. En Vistalegre I construímos unha organización moi lixeira, moi capaz de poder tomar decisións rápidas para afrontar os distintos procesos eleitorais, e para iso renunciamos a moitas cousas, e perdemos moitas cousas, perdemos ese rumo co que nacemos, que era un rumo en que o poder estaba repartido, en que a participación era moito máis efectiva. Ultimamente a organización víñase comportando de maneira moi vertical, cunha Executiva e un secretario xeral que podían tomar decisións rápidas, que pensamos que era preciso para ese momento eleitoral, pero as inscritas e os inscritos e os círculos non participaban na toma de decisións na maioría dos momentos importantes: simplesmente se reducían a respostar un si ou non [en consultas telemáticas] para afrontar procesos eleitorais.

A xente que participa de Podemos quer facer parte do proceso de toma de decisións. Quer unha participación moito máis activa. Neste proceso perdeuse a ilusión nese sentido. Si conseguimos avanzar moito, moitas vitorias, mais ese espírito de participación e de toma de decisións colectiva se viu danado. Para recuperar a ilusión e para voltar a coller ese rumo precisamos ensanchar a organización e darlle a palabra aos inscritos, ás inscritas e aos círculos.

-Di hoxe Iglesias en El País que Errejón non vai de fronte, que no canto de o criticar a el critica unha nebulosa, esa contorna que está por volta do secretario xeral. 

-Ben, eu creo que se hai unha persoa que durante todo este proceso ten ido de fronte en todo momento ese é Errejón. Iso non se lle pode achacar. Errejón di en todo momento o que considera. E de feito defende que non podemos ter medo a represalias por dicer o que pensamos. Que en Podemos se hai algo indiscutíbel é o direito a discutir e que nos momentos importantes temos que pór sobre a mesa todas as cuestións que consideramos relevantes para introducir no debate e para que entre todas e todos tomemos as mellores decisións.

-Apoiades Pablo Iglesias como secretario xeral, mais non cres que sería un pouco raro que el continuase sendo o líder no caso de a súa liña política ser derrotada en Vistalegre?

-Eu creo que aquí tamén é onde se visibilizan diferentes visións de organización. Nós cremos nunha organización en que se manda obedecendo e onde o secretario xeral debe ser o secretario xeral de todas e de todas e non só de aqueles que pensan igual que el. Nós entendemos unha organización en que decidimos entre todas e todos o rumo a seguir e que as persoas que lideran a organización teñen que ser representantes de todas e todos e defender esas decisións colectivas.

-Non percibes demasiada tensión nas vésperas do congreso? Santiago Alba Rico chega a escreber nun artigo en Publico.Es que "a tensión é tan grande, os ánimos están tan enconados, o sangue tan efervescente, que todo o mundo agarda bronca e mesmo violencia física". Non hai excesivo barullo?

-Estase magnificando moito máis do que realmente é. Iso non quita para que nalgúns momentos se dean tensións. Aí temos que ser moi autocríticas e autocríticos porque nalgúns momentos pois si é certo que se xeraron certas tensións, tamén é verdade que é un momento que para nós é moi importante e que nolo tomamos moi a serio. Hai que ter moito coidado para o debate ficar nun debate de ideas e fraterno. Mais tamén é certo que se está magnificando moito a situación real.

-Desbotas inteiramente a hipótese dunha escisión en Podemos após a asemblea?

-Totalmente. En nengunha das candidaturas principais vemos a posibilidade dunha escisión. Todas concordamos en que desde o luns, unha vez que remate Vistalegre, unha vez que tomemos a decisión de como imos camiñar, a partir dese momento temos que saír todas unidas e defender o que os inscritos e inscritas teñan decidido. Para nada hai risco de escisión.

-Sobre a relación de Podemos con En Marea, a vosa candidatura está pola dupla militancia?

-Nós entendemos que Podemos ten que ter a súa identidade, que hai tarefas que son moradas e que hai que traballalas. Entendemos que en cada proceso eleitoral as inscritas e os inscritos son as persoas que teñen que decidir como imos afrontar esas etapas. E iso tense que facer non como se viña facendo, cunha simples resposta de si ou non, senón cun proceso de participación, de debate. Nós defendemos que hai que traballar man con man coas alianzas fraternas e, no caso da Galiza, con En Marea defendemos que a xente de Podemos podamos participar neste espazo común, pero tamén advogamos por que antes de cada proceso [eleitoral] sexan as inscritas e os inscritos as persoas que decidan como os temos que afrontar.

-A ver se o entendo, queres dicer que a marca En Marea estaría submetida á consideración das inscritas e dos inscritos en cada proceso eleitoral?

-En cada proceso eleitoral se non hai unha decisión que diga o contrario. De feito está nos nosos documentos que para que haxa calquera tipo de fusión iso se teña que facer co apoio de dous terzos das inscritas e dos inscritos, cun consenso moi amplo da organización. Se iso non existe [se Podemos non se fusionase con En Marea], en cada proceso eleitoral as inscritas e os inscritos terán que tomar a decisión de como afrontalo.

-Terían que decidir se no próximo proceso eleitoral Podemos Galiza volta a ir na Marea ou eventualmente ir en solitario, non?

-Poñamos un caso práctico. Dentro de dous anos e medio vamos ter eleccións municipais. As inscritas e os inscritos de cada concello, segundo a nosa proposta, en función do marco político social e de como vexan a situación, terán que tomar a decisión de como se apresentan a ese proceso eleitoral.

-E non achas que iso crea unha certa inestabilidade en En Marea? Que na Marea sempre van ter a dúbida de se poden contar con Podemos ou non en cada proceso.

-As inscritas e os inscritos son as persoas que teñen que tomar as decisións relevantes na nosa organización. Eu podo ter unha visión, a nosa proposta pode ter unha visión, de como debemos levar o proceso aquí na Galiza, pero serán as inscritas e os inscritos as persoas que teñen que decidir.

Comentarios