As eleccións a ollos de... Ses

"Estamos mirando aos ollos a nosa propia morte como pobo"

María Xosé Silvar, Ses, non ten pelos na lingua. Nin cando canta, nin cando opina nin cando escribe. Carga contra a irrupción de forzas de extrema dereita e contra radicalización do discurso das dereitas e bota en falla unha “revolta” das esquerdas perante ese escenario tan preocupante.

SES
photo_camera SES

"Desde a farsa da Transición estas son probabelmente as eleccións máis interesantes, positiva e negativamente, ás que eu asistín como adulta", afirma María Xosé Silvar, Ses, a respecto das votacións deste domingo. “Dunha banda, a confirmación da ruptura dun bipartidismo hexemónico (con satélites carrachos) que semellaba eterno e que obrigou uns dirixentes aburguesados e casposos a moverse para conservar o seu soldo aberrante; e doutra, a entrada en escena dunhas faccións políticas que sabiamos que nunca morreran, pero que calquera Estado que pretenda autodenominarse democrático, debería de prohibir e colocar no seu lugar, que é no cárcere, inmediatamente”. 

“Estou asistindo tan atónita, como calquera cidadán lúcido, a unha campaña marcada polo lucimento mediático do fascismo e a necidade explícitas (até agora minimamente disimuladas) sen que haxa unha revolta nas filas da esquerda que esixa vehemente e incontestabelmente a súa ilegalización, aludindo á tan aclamada noutrora "Lei de Partidos", manifesta.

Critica unha campaña electoral na que moitos discursos se centran “en criminalizar aínda máis, se iso é posíbel, o dereito de autodeterminación dos pobos e as bases mesmas do concepto de democracia”. Ao tempo, engade, esta é unha campaña “que pisa os cadáveres de miles de mulleres asasinadas co silencio ante unha problemática que non interesa porque non dá votos”.

A respecto de Galiza, apunta, “non nos xogamos tan só (coma se iso fose pouco) a perda de dereitos en materia de xustiza social, senón a perda da propia identidade cultural”. Así, advirte, “estamos de pé fronte ao abismo, mirando aos ollos a nosa propia morte como pobo e como comunidade histórica. Estamos tocando cos dedos 1936, e estou convencida de que, de non poñermos remedio, incluso os máis ilusionados co neofascismo, vano lamentar”.

Comentarios