Estado e Xunta pugnan pola iluminación de Rande

O voceiro do PSdeG en Vigo, Abel Losada, cuestionou que a Xunta presentase esta semana os proxectos de iluminación para a ponte de Rande, cando a infraestrutura é competencia do Estado. O Ministerio acusa ao Goberno galego de "deslealdade" no marco dos debates polo transvase da AP-9.
Ponte de Rande (Imaxe: Wikimedia).
photo_camera Ponte de Rande (Imaxe: Wikimedia).

"De entrada sorprendeume o acto da Xunta porque a ponte de Rande está xestionada por unha empresa privada, Audasa, e por outra parte é competencia do Estado". Así respondía onte o portavoz do PSdeG en Vigo, Abel Losada, cuestionado por Nós Diario ao fío da recente polémica acesa arredor do alumeado da ponte de Rande.

Na segunda feira, a Administración galega presentou catro propostas técnicas de iluminación para Rande, unha das entradas da AP-9 xestionada por Audasa en Vigo. O Executivo galego propuxera esta iniciativa en setembro do pasado ano, coincidindo coa campaña do alcalde de Vigo, Abel Caballero, coa que daba inicio a colocación do alumeado de Nadal. Porén, é o Ministerio de Transporte o que está administrar os proxectos para poñer luz á ponte, e nun comunicado censurou o avance realizado pola Xunta acusándoa de "desleal".

Losada criticou o acto no que interviron o vicepresidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez e a delegada do Goberno galego en Vigo, Corina Porro e decidiu contactar o Ministerio de Transporte.

"Informáronme de que non se trasladou información sobre os proxectos a Xunta. Por tanto estamos ante dous escenarios: que Audasa facilitade á Administración galega o acceso a estes proxectos, co cal a empresa estaría actuando con deslealdade, ou que esta obtivera a información de xeito indebido".

"Afirmei publicamente que a Xunta está claramente usurpando funcións que non son súas, porque a competencia non é súa. E non sei por que a conselleira de Infraestruturas cualificou de 'burrada' o que eu dixen", engade Losada. "Se unha empresa que xestiona un ben titularidade do Estado da información significativa a outra Administración está apoiándoa claramente", afirma o voceiro do PSdeG, "está claro que o Partido Popular beneficiou a Audasa coa súa xestión".

Losada non cuestiona que a Xunta "estea no seu dereito a reivindicar a competencia da A-P 9". "Outra cuestión é apropiarse de accións doutras Administracións", conclúe. 

Comentarios