"O Estado español é un lastre por ser economicamente inviábel e corrupto"

Desde o BNG baten con dureza contra a situación actual que atravesa a Galiza e que califican de "insoportábel". A manifestación convocada para o 15 de setembro visa ser, din, "unha resposta en positivo" coa que reclamar "un Estado propio" como "mellor garante" para recuperar a democracia e dar solución aos conflitos

"A situación económica e social non dá para máis". Así de taxativo se amosou Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG en declaracións a Sermos Galiza. A organización frontista presentou en comparecencia de imprensa esta cuarta feira a campaña "Por unha Galiza soberana" coa que chaman a se mobilizar ao pobo galego o vindeiro 15 de setembro. 

"Pretendemos dar unha resposta galega e en positivo" á actual realidade social e económica" á que se lle engade, din, "unha corrupción sistémica". Neste senso, critican con dureza que o Estado español "é un lastre" para Galiza por ser "economicamente inviábel e corrupto". Lobeira asegura que a corrupción atinxe xa todas as institucións españolas "a monarquía, o goberno" mais tamén galegas, habida conta do protagonismo do PPdeG e da Xunta de Manuel Fraga no entramado de financiamente ilegal do partido en Madrid. "Isto non dá para máis", subliña. 

Aliás, "o calote das preferentes, o roubo das pensións aos emigrados, o desemprego, a expoliación do noso aforro... Queremos vencellar a realidade do país a unha clara situación de dependencia e dominio político", explica o secretario de Organización do Bloque. "Galiza por si propia non pode decidir" e isto, apunta, "devén nun lastre". 

"A dependencia e o dominio político é un lastre para Galiza pois non pode decidir por si propia"

"A soberanía política" asegura "non é só un dereito democrático e inalienábel" senón que tamén "é unha necesidade" e "a mellor garantía para solucionar os conflitos do país", sentencia. Así, o 15 de setembro procurarán amosar que "Galiza é un pobo vivo e digno" que "ten dereito a construírse como un Estado de seu", conclúe. 

Unha intensa campaña de mobilización 
A campaña "Por unha Patria soberana" foi presentada en comparecencia de imprena esta cuarta feira. "Imos comezar desde xa" indica Lobeira. Material gráfico mais tamén dixital para para mobilizar ás faixas de idade máis novas a través das redes sociais.

Desde o Bloque chaman a visibilizar a bandeira galega con motivo da Vuelta ciclista

"Procuraremos desenvolver un contacto social importante" con todos aqueles sectores prexudicados polas políticas neoliberais. "Todos terán un oco na manifestación" que seguirá un percorrido semellante ao do 25 de xullo partindo da Alameda para rematar na Quintana. 

Comentarios