O estado de deterioración do formigón provocou o colapso do viaduto do Castro

Os traballos de reconstrución non comezarán até 2024.
Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
photo_camera Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)

*Información ampliada ás 19.08 horas

Os informes preliminares encargados polo Goberno español a dúas compañías expertas en infraestruturas sosteñen que o estado de deterioración do formigón, sumado aos traballos de reparación que se realizaban sobre a infraestruturas provocou o colapso do viaduto do Castro.

As conclusións destes estudos -elaborados polas consultoras Ideam e MC2- foron desveladas en rolda de prensa esta terza feira polo secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Xavier Flores.

Neste sentido, os informes, avalados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, apuntan que o formigón das estruturas internas dos tramos do viaduto que cederon presentaban un estado de deterioración "moito maior" ao detectado durante as inspeccións que determinaron o feche do viaduto para proceder á súa reparación.

Con todo, as consultoras coinciden en que unha operación que formaba parte dos traballos de reparación, a derriba de elementos internos a través de auga a presión para a súa substitución, foi o factor que desatou que os piares colapsasen, xa que "de forma puntual" superouse a superficie sobre a que estaba previsto inicialmente actuar.

Problemas de mantemento

Para Flores, isto revela un problema no mantemento dun viaduto que "está en pendente" e nunha zona montañosa, polo que as condicións meteorolóxicas e a entrada de auga nos elementos internos das infraestruturas acelerou a "degradación" dos materiais, o que puido influír no seu comportamento ante as técnicas empregadas nos traballos de reparación iniciados no verán de 2021 despois de que unha inspección revelase problemas internos.

"O viaduto estaba nun mal estado moi importante. Había que actuar, era moi necesario", remarcou o secretario xeral de Infraestruturas, que incidiu en que o vivido no viaduto que une os municipios de Pedrafita e Vega de Valcárcel debe facer reflexionar sobre a importancia da conservación das infraestruturas.

Neste sentido, aseverou que durante anos "non houbo o mantemento adecuado" para manter a impermeabilidade da estrutura interna da infraestrutura, onde foron detectados "claros indicios" de problemas dunha degradación "acumulada" pola entrada de auga e a exposición ás inclemencias meteorolóxicas da zona de montaña na que se sitúa a parroquia do Castro.

O viaduto colapsado, sen arranxar até 2024

Así as cousas, Xavier Flores anunciou que o Goberno estatal contempla adxudicar en decembro os traballos de rehabilitación do viaduto en sentido Madrid, é dicir, o que se mantén en pé na súa totalidade. A obra, que tratará de corrixir todos os problemas detectados en primeira instancia e os descubertos tras o derrube deste verán, suporá un investimento duns 30 millóns de euros e será tramitada pola vía de urxencia, polo que, como resaltou Flores, non figura no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado.

O obxectivo é que o viaduto en sentido Madrid fique operativo antes de que finalice 2023 e que acolla o tráfico en ambas as direccións para, así, deixar de empregar as solucións alternativas impostas para a circulación pola zona tras o derrube. O cronograma da reparación do viaduto colapsado vaise até 2024, xa que require a reconstrución dos piares caídos.

O BNG presentará novas iniciativas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, adiantou que a formación nacionalista "rexistrará iniciativas" após coñecer os resultados preliminares dos informes sobre o colapso do viaduto do Castro.

"A explicación do Goberno [español] sobre o colapso do viaduto do Castro é ben sorprendente: A deterioración dos materiais… Por que? No fondo trasloce a existencia de defectos de construción. Ou non sabían que en Pedrafita chove e neva?", manifestou Rego na súa conta de Twitter.

Comentarios