#DEBATENACIONGZ14

A sesión parlamentar, minuto a minuto

Quenda dos grupos parlamentares após o discurso de Núñez Feijóo. Aquí podes seguir o minuto a minuto do principal debate político do Parlamento galego.

Parlamento
photo_camera Parlamento

Quenda de intervencións. Cada grupo parlamentar (Mixto, BNG, AGE, PSdeG e PP) terá 35 minutos. Núñez Feijóo terá tempo ilimitado para lles responder. Contra-rçeplica de 10 minutos para cada un dos portavoces parlamentares e de novo quenda para Feijóo, outra vez con tempo ilimitado.  

Núñez Feijóo (presidente da Xunta)

19:59. "Atopamos 30 mil millóns de euros de déficet tarifario, que lle debiamos ás empresas eléctricas. Esa é a gran herdanza fos gobernos socialistas".

19:56: "Para os nacionalistas, sair de Galiza é emigración"

19:49: O presidente galego responde agora á intervención do portavoz do PSdeG, Méndez Romeu. Incide en que Galiza está mellor que os territorios gobernados polos socialistas. Mantén o discurso de que o país está mellor agora que hai un ano. Sobre o naval, bota culpa a Almunia e ao goberno socialista. "Acusábanme de mentir cando os contratos de Pemex, e demostrouse que os había e vostedes nin se desculparon".

19:46 "A democracia está plenamente en vigor en Galiza e en España desde hai case 40 anos". "O seu discurso non era para a Galiza de hoxe. Preocúpame o seu referente intelectual último (en referencia a Pablo Iglesias).

19:42 "Señor Beiras, con todo respecto, parece que vostede estaba a dar unha clase na facultade. Pero aquí os alumnos somos maiorciños". Feijóo afirma que Beiras chamou "gorilas" a funcionarios públicos. "Cando prantexa determinadas cuestións sobre a casta, non sei a que se refire. Fala de Galdós, fillo dun coronel".

19:41 "Cando entendo que os intereses de Galiza non están suficientemente valorados polo Estado non teño problema en recoñecelo". "Abrir agora o inicio dun novo modelo de sistema de financiamento interesa aos nacionalistas cataláns, non a Galiza".

19:36 "Non coincidimos no modelo de estado, señor Jorquera, nin no de Cameron, que vostedes si. Sobre Escocia, nós temos máis competencias e máis donos de nós mesmos que Escocia, non lle envexamos nada a Escocia". Feijóo di que lle "preocupan" as leccións "torticeras" das balanzas fiscais. Di que non reciben máis que outras, que están na media dos territorios do Estado.

19:33. O presidente da Xunta afirma que o goberno está a cumprir os cánones dos mellores requisitos en servizos sociais. A respeito da reapertura da comisión de investigación das caixas Feijóo afirma que se fará se hai novidades. E di que 2 de cada 3 preferentistas recuperaron os cartos.

19:32 "Cando vostede, señor Jorquera, prantexa que agora estamos financiando os colexios onde os pais deciden que estuden separados por sexo. debe saber que co bipartito tamén se financiaban"

19:30 "Señor Jorquera, teño toda a fé neste pobo, que me outorgou o apoio para presidir Galiza a primeira vez que llo pedín. Teño toda a fé neste pobo e traballo exclusivamente para el, por iso fúndome todos os días co pobo de Galicia".  

19:27 "Danme medo algunhas ideoloxías que vostede apoia, señora Iglesias, porque trasladaron medo a millóns de persoas en Europa e Sudamérica"

19:23 Feijóo defende o alto grao de cumprimento dos compromisos e acordos do debate de 2013.  

19:20 O presidente da Xunta comeza respondendo a Carme Iglesias: "Non teña dúbida de que aquí falamos do que interesa na rúa, vivimos no mesmo país". Repróchalle que a súa intervención se basease nunha enquisa "a 400 persoas, que non son a maioría do pobo galego". Proponlle que recorra ao CIS para ter unha "mellor visión".

Pedro Puy (PP)

19:01 Puy cre que co modelo de financiamento autonómico "non nos foi mal" mais cre que é hora de cambialo, tendo en conta características de Galiza como a dispersión ou envellecemento de poboación.

18:58 "O dereito a decidir non se pode atribuir unilteralmente a unha comunidade autónoma, Do mesmo xeito que unha comunidade non se pode ir, as outras non a poden botar"

18:57 "Señor Jorquera, nós non cremos no proceso soberanista. E non vivimos nun estado unitario. Dicir iso é non ser leal coa realidade".

18:53 Puy recoñece que a crise puxo en "evidencia" algunhas feblezas do "entramado institucional". Recoñece que fan falla "cambios", mais afastados do "populismo". E di que o soberanismo está a ser usado "para non ter que dar explicacións da mala xestión".

18:45 Pedro Puy ofrece unha fervenza de datos e cifras para construír unha pantalla na que Galiza "vai mellor que o Estado".

18:43 "Somos solventes, e iso permite pagar aos proveedores" 

18:39 Sector do leite, do mar, vitivinícola...Puy vai enumerando sectores nos que, insiste, a situación é palpabelmente mellor agora que antes da chegada de Feijóo á Xunta de Galiza. Fala dun "plan de diversificación industrial" para reactivar este sector. 

18:36. "Conservamos Abanca como unha entidade domicilada en Galiza", presume o portavoz do PP  

18:33. Pedro Puy di que o PP traballa por ecuperar  "equidade social" e por reforzar as institucións da democracia representativa, "e todo dentro do marco europeo". 

18:31 "As cousas están mellor agora que hai un ano", afirma o voceiro do Partido Popular de Galiza na Cámara do Hórreo.

18:27 O portavoz do PP de Galicia afirma que Feijóo amosou no seu discurso un "talante" construtivo. Comeza cargando contra Beiras por citar a Benito Pérez Galdós, "un nacionalista español".

Méndez Romeu (PSdeG)

18:25 "Señor presidente, poderá falar de recuperación cando sexan recuperados servizos básicos, empregos, cando volten os emigrados..."

18:16 Fai un repaso pola situación na sanidade galega que vai, segundo afirma Méndez Romeu, "cara o desastre" da man da xestión do PP: "Están a destruír o que foi unha conquista de toda a sociedade, a sanidade pública universal". 

18:04: O voceiro parlamentar socialista debulla o estado "crítico" dos diferentes sectores económicos galegos baixo os gobernos de Feijóo. 

17:59 "Baixaron a investigación a niveis de Turquía e Ucraína, liquidaron o sector eólico. o naval rebosa de promesas incumpridas, en termos de PIB o medre foi negativo nestes anos, temos o prezo de leite máis baixo de toda Europa..."

17:56 O portavoz parlamentar do PSdeG acusa ao PP de procurar beneficiar ás altas rendas, de reducir o modelo de benestar... "Hoxe temos en GZ a débeda multiplicada, o consumo paralizado e o desemprego de longo prazo consolidado". 

17:51 "No último ano os 7.000 galegos incrementaron o seu patrimonio en miles de millóns de euros. É unha aldraxe aos 280.000 parados e ás clases medias desfavorecidas".

17:50 Méndez Romeu afirma que Feijóo coloca os intereses de Galiza ao servizo de "Moncloa ou a Rúa Génova do PP". Considera que o presidente da Xunta non está a se centrar en resolver as principais preocupacións dos e das galegas como son o paro ou a desigualdade.

Xosé Manuel Beiras (AGE)

17:47 "Temos que ser ferramentas para a rebelión cívica" e non caer en resistencialismos. Cita a un amigo de seu: "Arde o país e nós discutindo de quen son as mangueiras"

17:42 "Mentres en Euskadi e Catalunya na autonomía gobernaron forzas propias, en Galiza gobernaron as sucurrsais da dereita e fixérono como os sipaios"

17:39 O portavoz de AGE pon o exemplo dos mariñeiros do cerco, que cando viñeron protestar a Compostela "que recibiron?" pregunta. E el mesmo responde: "paos dos gorilas". Xosé Manuel Beiras ataca ao PP por negar o dereito a decidir dos pobos e das persoas, "e negan o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, o dereito a decidir dos traballadores sobre as condicións laborais na empresa, o dereito a decidir dos mozos, dos labregos..."

17:35 Xosé Manuel Beiras fala da "deriva" e "aprodrecemento" das institucións xurdidas da Transición, institucións do rexime que "están mortas" e só teñen movemento "aparente" pola acción dos vermes.

17:34 "Combatemos pola emancipación da xente e dos pobos para combater esa súa alineación, por iso estamos cos vencidos e os esmagados. Non somos buscóns da política como vostedes, somos xentes do pobo solidarias coas xentes do pobo".

17:31 Beiras cita a Castelao, "Eu non teño vocación de estupefaciente".

17:26 As institucións do pobo galego foron conquistadas nunha loita "na que vostedes non participaron" dilles Beiras aos representantes do PP. Beiras denuncia a "indefensión" do pobo galego perante os grandes poderes financeiros sen ningún tipo de "control democrático".

17:22 "Os ananos do país que converten a Galiza enteira no país dos ananos"

17:18 Beiras cita a Brañas, afirmando que no XIX "analizou brillantemente a crise da súa época, defendendo un programa de radical autogoberno para Galiza". "Fumos expoliados sempre, nunca estivemos subvencionados".

17:16 O portavoz de AGE fai unha análise da crise desde diversas perspectivas e citando diferentes autores, desde Hobsbawm a Wallerstein.

17:12 Xosé Manuel Beiras: "Estamos a vivir unha fase de caos sistémico"

Francisco Jorquera (BNG)

17:09 "Galiza padece as consecuencias de que a súa posición a leva á irrelevancia política".

17:07 O portavoz nacionalista cita loitas como o das mulleres contra o aborto ou os preferentistas, ou os emigrantes retornados. Refírese ás loitas dos pobos cataláns e escocés como exemplos de democracia. E pide a Feijóo que "recúe" na pretensión de recortar deputad@s no Parlamento de Galiza.

17:05 "Quere acabar coa corrupción? Acabdemos coas portas xiratorias e as privatizacións". Francisco Jorquera pide que a CRTVG deixe de ser "unha ferramenta de propaganda do goberno". Pide a Núñez Feijóo que "recúe" na pretensión de recortar en deputad@s no Parlamento de Galiza.

16:58 Jorquera fala da desaparición do sistema de financiamento galego "Coa venda de Novagalicia banco só se recuperou o 8% do diñeiro público investido, perdemos 8.200 millóns de euros. Iso é socializar as perdas da banca". Insiste na necesidade de investigar o que pasou coas caixas galegas.

16:54 "Desde a entrada en vigor do novo sistema de financiamento Galiza leva perdidos 6.561 millóns de euros" informa o portavoz parlamentar do BNG. Empraza a Feijóo a que se deixe de cargar contra Catalunya acusándoaa de non solidaria e que defenda os intereses de Galiza. "O problema non é a posición catalana, senón a ausencia dunha posición no financiamento". "Escoitándoo a vostede parece que o principal prexudicado polo centralismo é Madrid"

16:53 "A metade das persoas en paro no noso país xa non cobran ningunha prestación. O Estado presume de aforrar centos de millóns. Por que non pide a transferencia das competencias para poder investir eses cartos en crear emprego?"

16:51: "Galiza xa é a terceira comunidade que menos gasta en sanidade por persoa. Esa é a súa sensibilidade social". Jorquera denuncia que destine centos de milleiros de euros a residencias privadas "mentres se recorta na comida dos usuarios das públicas".

16:49 Francisco Jorquera lémbralle ao presidente da Xunta que desde que é presidente Galiza o Estado non transferiu a Galiza ningunha competencia. 

16:48: "Vostede preside un goberno autonómico mais non cre na autonomía", incide o portavoz do BNG, que defende o dereito a decidir "para poder exercer como pobo todos os días". "Necesitamos poder decidir por nós propios para darlle ao noso pobo vida e arealas para prosperar"

16:55 "A mocidade galega non é a xeración perdida, é xeración abandonada polas súas políticas"

16:43 Fai un repaso de sectores coma o enerxético, o pesqueiro,... para sinalar a falla de peso e de políticas da Xunta, con consecuencias prexudiciais que iso implica. "A crise podía ser unha oportunidade para revitalizar o medio rural, mais vostedes seguen a abandonar o rural".

16:41 O voceiro nacionalista abonda na situación do naval. "O dereito a decidir serve, entre outras cousas, para que o presidente da Xunta non teña que enteirarser por Madrid de que parte do flotel de Ferrol vai para Cádiz". Pregunta ao presidente da Xunta sobre a súa política industrial. 

16:40 Jorquera recrimina a Feijóo que "non ten proxecto de goberno nin ten proxecto de país".

16:38. O portavoz parlamentar do BNG lembra que na historia de España o centralismo vai da man dos recortes de liberdades. "Vostede está ao servizo da anulación de Galzia como país".

16:36 "Señor Feijóo, despois de escoitalo pola mañá teño a impresión de que non fala da Galiza na que eu vivo: 300.000 persoas no paro, 56.000 en risco de exclusión, 100.000 mozos a emigrar.... Nesta Galiza seis de cada dez familias teñen serias dificultades para chegar a fin de mes"

16:35 Jorquera comeza a súa intervención con citas a reflexións de Castelao no Sempre en Galiza, do que se cumpren 70 anos da súa publicación, apelando á política como ferramenta de transformación social e ao servizo do pobo.

Carme Iglesias (Grupo MIxto)

16:23 "Unha revolución democrática vai derrubar a política de salón. Estamos fartas de corrupción, de precariedade" afirma Carme Iglesias, que nomeou as fotos de Feijóo con Marcial Dorado.

16:13 "Como se explica que o PIB compute prostitución e narcotráfico e non o traballo non remunerado das mulleres no fogar?"

16:09 Carme Iglesias considera unha vergoña que a estas alturas siga sen haber unha condea expresa do franquismo. Incide tamén nas graves eivas e falta de interese do goberno polas políticas de igualdade. Fai un relatorio dos incumprimentos no goberno.

16:05 Refírese ás persoas afectadas polo calote das preferentes e subordinadas e cita Bankia como un exemplo "do que agora se denomina casta". Fala de que "o BNG e a CIG posúen probas que poderían indicar vendas" á muller de ex-presidente de Caixa Galicia bens da entidade por baixo do valor.

16:01 A deputada do Grupo Mixto comeza citando un informe europeo no que se sinala que Galiza é dos gobernos peor valorados. Empraza a Feijóo a que tome nota do que fan aqueles gobernos mellor valorados. "Galiza non ten nada a ver co país do que vostede falou esta mañá".

Comentarios