O estado da nación, a debate

Goberno e oposición concretarán entre esta terza e quinta feira no Parlamento galego o seu diagnóstico sobre o país.

[Imaxe Parlamento de Galiza]
photo_camera [Imaxe Parlamento de Galiza]

Este semana o Parlamento acolle o debate do estado da Nación, o segundo desta terceira lexislatura de Núñez Feixoo, que máis unha vez chega a este debate de política xeral coa comodidade que lle dá esa balsa da maioría absoluta. O presidente quer aproveitar esa relativa tranquilidade política para que o debate transcorra polos camiños que máis lle prestan: anuncio de ocasión para figurar nos titulares xornalísticos e discurso para insistir que Galiza é o país das marabillas.

Feixoo preparou durante a fin de semana este debate de política xeral co seu equipo e círculo de confianza. De feito, este xa filtrou que anunciará rebaixas fiscais dirixidas ás familias e que contrapoñerá isto á política de incrementos tributarios do goberno español de Pedro Sánchez. O debate, pois, ao servizo dos intereses e axenda política do PP español contra o executivo socialista.

A oposición, de por parte, quer que no debate do estado da nación apareza a Galiza “real”. En Marea, PSdeG e BNG chegan a esta cita após sumar forzas para lograr que, embora non apoiase o PP, haxa comisión de investigación na Cámara galega sobre os recortes da Xunta en sanidade e as súas consecuencias. Forzas distintas, ideoloxías diferentes mais coincidentes en querer ‘desmontar’ o discurso popular sobre Galiza.

Luis Villares, portavoz de En Marea, dixo que quer amosar neste debate que a Xunta do PP e Núñez Feixoo “non están á altura” do que precisan os galegos e galegas. “O contador dos Peares volverá ao Parlamento para contar as súas fábulas”, afirmou Villares.  “A cidadanía ten dereito a saber que o goberno galego non está a altura para defender os seus intereses e mañá o demostraremos no Debate do estado da Nación”, concluíu.

Desde o PSdeG afrontan a cita querendo ser referente na oposición. Sinalar as feblezas e erros do goberno, así como o impacto destes case dez anos de goberno Feixoo vai ser unha das dinámicas, acompañada da presentación de propostas e alternativas.

Olalla Rodil, viceportavoz do BNG, afirmou que no debate queren dar voz á “Galiza real”, un país “sepultado” baixo “propaganda e publicidade”, denunciou a nacionalista. O BNG tenciona que Feixoo se mire “no seu propio espello” e vexa as “consecuencias das súas políticas”. A forza nacionalista anunciou que presentará 40 propostas de resolución, que se centrarán en tres grandes bloques: benestar social, calidade democrática e novo marco político e económico.

Comentarios