O Estado cifra en 418 millóns o déficit da Galiza en 2022

Supón 0,6% do Produto Interior Bruto.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)

A Galiza fechou 2022 cun déficit de 418 millóns, o que supón 0,6% do Produto Interior Bruto (PIB), segundo os datos que publicou esta quinta feira o Ministerio de Facenda do Goberno español. O ano anterior, 2021, a Galiza rexistrou un déficit de 94 millóns (0,15% do PIB), polo cal a variación anual é de 324 millóns máis de déficit e 0,45 puntos máis.

Un aumento do déficit autonómico, na Galiza e o resto de territorios, que o Estado atribúe  aos menores recursos extraordinarios vinculados á pandemia transferidos á marxe do sistema de financiamento.

Porén, e tamén esta quinta feira, os datos a este respecto ofrecidos pola Xunta diferían dos proporcionados polo Estado. O presidente galego, Alfonso Rueda, indicaba que a Galiza mellorou o déficit marcado no Orzamento, xa que apuntou que se situou en 0,4% do Produto Interior Bruto, "o que supón dúas décimas menos do límite previsto", 0,6%.

Ademais, subliñou que a Galiza rexistrou unha ratio débeda/PIB de 17,2%, "tres décimas por debaixo do previsto, o que supuxo aforrar 210 millóns de euros, en canto á capacidade de endebedamento". Porén esa ratio é moi superior á que existía cando o PP accedeu ao Goberno galego en 2009, cando representaba 5%.

Necesidade de actuar

O BNG pediu esta quinta feira no Parlamento ao Goberno galego actuar fronte á crise de prezos que golpea os máis vulnerábeis na Galiza xa que, explicou a portavoz de Economía, Noa Presas, "a previsión é que a inflación subxacente no conxunto do Estado diminúa tan só unha décima", até 7,5%. A deputada nacionalista propuxo, entre outras medidas, incrementar as axudas públicas acorde ao IPC e recuperar a tarxeta básica.

Non convenceu Presas á directora xeral de Planificación e Orzamentos, Almudena Chacón, que asegurou na súa resposta á parlamentaria do BNG que os datos estatísticos e a tendencia dos indicadores económicos manteñen "plenamente vixentes" os orzamentos para 2023, que xa inclúen medidas ante a suba de prezos.

Pola súa parte, Gonzalo Caballero (PSdeG), reclamou á Xunta da Galiza que "cambien de política económica para favorecer as familias que non chegan a fin de mes e o tecido produtivo con dificultades para sobrevivir" nesta crise.

Comentarios