Esta terza feira entra en vigor o réxime de visitas do Parlamento

Pilar Rojo aplicará de maneira unilateral un novo conxunto de medidas que rexerán a presenza cidadá na Cámara. A oposición rexeitou adoptalas.
Pilar Rojo
photo_camera Pilar Rojo

"Quedo todo o mundo!", berraba Tejero na súa entrada trunfal nas Cortes españolas aquel 23 de febreiro de 1981. Nada máis lonxe do acontecido na pasada sesión plenaria no Parlamento de Galiza. Porén, a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e boa parte da cúpula do Partido Popular teimaron en considerar a actitude dos grupos da oposición "un atentado contra unha alta institución do Estado". Algo semellante ao feito por Tejero. Salvando as distancias.

Sen consenso cos grupos da oposición e de maneira unilateral, Rojo aplicará un conxunto de novas normas á tribuna parlamentar e mesmo se reservará o dereito de levar perante os tribunais a quen ouse rachar "coa orde da Cámara".

As visitas non poderán exhibir pancartas nin mensaxes reivindicativas. 

Neste senso, Pilar Rojo prohibirá a partir desta terza feira a entrada na Cámara con pancartas nin mensaxes reivindicativas en camisolas; tampouco así acceder á tribuna sen ter previamente asinado un compromiso --por escrito-- submeténdose á nova política de visitas. Caso contrario, verán a sesión en diferido através dunha pantalla habilitada nunha sala parlamentar. Aliás, os grupos parlamentares anfitrións daquelas persoas convidadas que alteren a orde das sesións de maneira reiterada faranse responsábeis do acontecido e mesmo poderán quedar impedidos de convidar a máis colectivos ou persoas durante o tempo que reste do período de sesións. Asemade, a máxima autoridade da Cámara, Pilar Rojo poderá levar perante os tribunais a aquelas convidad@s "que causen desordes" no decorrer do Pleno.

De non asinaren o compromiso deberán seguir a sesión desde unha sala e en diferido. De interrompela, mesmo poderían ser levad@s perante os tribunais

BNG e AGE rexeitan acatar as normas de Pilar Rojo
A presidenta parlamentar demandou dos grupos a pasada semana subscribir un documento de sete puntos en que acataban o novo réxime de visitas. Desde o BNG rexeitaron mesmo responder á misiva enviada por Rojo asegurando que non ían "subscribir ningún acordo". Tampouco así, o voceiro parlamentar de AGE, quen si fixo chegar unha "carta aberta" aberta á presidenta na que tildaba de "regulamento de control e disciplina" o conxunto de artigos que recollía o documento achegado desde a Presidencia, mesmo equiparándoo co protocolo de acceso nun recinto penitenciario.

A ambigua resposta do PSdeG
Pola súa banda, @s socialistas fixeron chegar a súa resposta a Pilar Rojo amosándose en desacordo coa iniciativa proposta pola máxima autoridade da Cámara por a considerar lesiva dun "un dereito fundamental da cidadanía". Porén, o comunicado feiro público polo PSdeG deixaba certa ambigüidade na cuestión ao aseguraren que a "responsábel" final da decisión "en todo caso" sempre é a presidenta.

Comentarios