Esquerda Unida volve cualificar de “ilexítimas” as primarias de En Marea

Esquerda Unida, un dos partidos que conforman o sector crítico de En Marea, volve cualificar o proceso de elección da nova dirección como “ilexítimo” e afirma non recoñecer o seu resultado.
 

en marea plenario
photo_camera Último plenario de En Marea, o pasado outubro. Foto: cedida.

“A ausencia de garantías xurídicas e democráticas que advertiamos desde a paralización do proceso”, explica o partido nunha nota remitida aos medios de comunicación este mediodía e que recolle declaracións da deputada de En Marea Eva Solla. Refírese á suspensión unilateral das eleccións o 30 de novembro por parte da corrente afín a Luís Villares, portavoz da confluencia.

“Non existía ningún tipo de documento que acredite ningún tipo de informe ou auditoría sobre as medidas de seguridade converte este proceso en ilexítimo, así como o resultado, que non recoñecemos”, insiste Solla. A organización de esquerdas avisa ademais de que “segue a traballar nas medidas legais pertinentes para reestabelecer a honorabilidade de compañeiras que foron calumniadas e difamadas nos medios de comunicación sen proba ningunha”.

As palabras da tamén vicepresidenta segunda do Parlamento fanse públicas a véspera da conformación do Consello das Mareas, máximo órgano entre plenarios, e que se constutirá mañá.

A asistencia do sector crítico á constitución do consello está no aire. As dúbidas sobre o resultado final das votacións, reanudadas durante a fin de semana previa a Noiteboa e que deron unha ampla vitoria ao bloque villarista, son moitas entre os críticos. Ademais de Esquerda Unida e Podemos, alíñanse neste bando as principais mareas municipalistas: A Coruña, Compostela e Ferrol.

Comentarios