EU abre un expediente sancionador a Carmen Iglesias ao se negar a entregar a acta de deputada

A organización requeriu a acta a través dun burofax o 14 de novembro, dando un prazo de 48 horas. Porén, Sueiro insiste en que entrará no Parlamento galego, aínda que EU acorde a súa expulsión.


A executiva nacional de Esquerda Unida acordou esta segunda feira iniciar os trámites para abrir un expediente sancionador á militante Carmen Iglesias Sueiro, número dous por Ourense na coligación AGE, na cal EU e Anova teñen representación no Parlamento galego. 

Após anunciar o deputado David Fernández Calviño a súa renuncia ao escano, EU enviou un burofax a Iglesias Sueiro informándoa de que debía entregar a súa acta nun prazo de 48 horas "para dar cumprimento aos acordos dos órganos competentes" e que a número tres da listaxe, a militante de Anova Iolanda Ocampo, substituíse a Calviño.

Porén, e tal e como Sueiro declarou en conversa con Sermos Galiza o 15 de novembro --ao día seguinte de recibir o burofax--, non fixo entrega da acta que se lle reclamaba e mantense no seu posicionamento inicial: entrar na Cámara galega aínda que EU acorde a súa expulsión da organización. 

Recalca a executiva nacional de EU nun comunicado enviado aos medios de comunicación que "as decisións sobre os cargos públicos son exclusiva competencia da organización e non das persoas que ostentan ou poden ostentar os mesmos" polo que, ao non recibir resposta de Iglesias Sueiro iniciaron "o trámite disciplinario recollido nos estatutos".

EU defende o criterio de que os cargos públicos, neste caso un escano no Parlamento galego, pertencen á organización política e non ás persoas eleitas.

Comentarios