Esquerda Unida quere repetir coligación con Anova para as europeas e as municipais

Yolanda Díaz non obvia que foi grazas a AGE como sentou cinco deputad@s no Parlamento galego e teima en que o espazo de acción se espalle fóra da Cámara. Porén, Anova mira cara a outras posíbeis alianzas en función dos comicios aos que se presente

photo_camera Yolanda Díaz [Imaxe: @EsquerdaUnida]


A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, reeleita neste mesmo cargo na Asemblea nacional que a formación realizou este sábado en Compostela, enfatizou a aposta por unha candidatura conxunta con Anova baixo as siglas de AGE de cara ás eleccións europeas (2014) e municipais (2015). Neste sentido, remarcou a súa intención de que o proxecto político siga "fortalecéndose" e non circunscriba a súa acción ao Parlamento galego.

"Nós xa fixemos este debate e témolo claro. Son o resto de forzas políticas que están en AGE as que teñen que decidir que queren facer", espetou Díaz en referencia a Equo, Espazo Ecosocialista e, nomeadamente, á Anova de Beiras, que se ten pronunciado a favor de mudar de alianzas en función dos comicios aos que a formación se presente. A aposta tan firme de Esquerda Unida por esta coligación non é de extrañar. Grazas a ela a formación española conseguiu sentar cinco deputad@s na Cámara galega, militantes do PCE, fronte a catro que fan parte de Anova, en virtude da listaxe acordada entre ambas as dúas organizacións. 

Non en van, o documento político que foi debatido na asembleia coloca a alianza con Anova como "o comezo dunha realidade do que poden expresar as dinámicas unitarias e plurais". Porén, e tal e como recoñeceu Díaz, "non depende só de nós, senón tamén dos compañeiros de viaxe" e apela a que "o sectarismo" e "a tentación patrimonializadora" fiquen fóra dun debate que pretende "dar máis forza á radicalidade política e cultural da cal somos portadores". Xosé Manuel Beiras, que acudiu ao acto como convidado, evitou pronunciarse sobre a continuidade da coalición de cara aos comicios europeos ou municipais. O que si fixo, máis unha vez, foi separar "a cuestión nacional e a cuestión de clase" que, para o líder de Anova, son "dous centros de gravidade".

Comentarios