Negociación do goberno do Estado

Esquerda Unida pide a Podemos un acordo programático co PSOE se a coalición non calla

Esquerda Unida avoga nun comunicado feito público por evitar unha repetición das eleccións xerais e amósase a prol de que o grupo parlamentario do que forma parte, Unidas Podemos, acade un acordo programático co PSOE se a coalición non for posíbel. Aínda hai tempo de "poñer a cordura que se lle esixe á esquerda", afirman no comunicado.

Alberto Garzón
photo_camera Alberto Garzón

A formación liderada por Alberto Garzón fixo público un comunicado esta sexta feira 26 de xullo, un día após Pedro Sánchez fracasar no segundo intento de investidura como presidente do goberno. Nel, Esquerda Unida toma posición e decántase por que o grupo parlamentario de Unidas Podemos (no que EU participa) alcance un acordo co PSOE ao redor dunhas bases programáticas fundamentadas no acordo dos orzamentos xerais do Estado de 2019, aínda que non sexa posíbel unha coalición de goberno, co obxectivo de "evitar unha nova repetición electoral".

Avoga así a formación de esquerdas por facilitar un goberno do PSOE incluso no caso de que non exista un acordo para conformar un goberno de coalición con Unidas Podemos.

O comunicado está asinado pola Comisión Colexiada de Esquerda Unida e salienta que "en momentos convulsos" deben prevalecer como única guía "a defensa dos intereses das familias traballadoras". "Fronte ao oportunismo dos partidos que defenden os intereses dunha minoría privilexiada, apostamos por unha esquerda firme, coherente e solvente á hora de defender a clase traballadora e os sectores populares", recalcan.

Desde EU seguen apostando polo "diálogo, a negociación e o acordo" ao redor das propostas programáticas e consideran que aínda hai tempo de "poñer a cordura que se lle esixe á esquerda" ante contextos de crises e ameaza reaccionaria, afirman no texto que publicaron.

"Neste empeño seguimos investindo os nosos recursos, as nosas enerxías e as nosas esperanzas: a cidadanía progresista non nos perdoaría o contrario", matizan.

Rexeitan un escenario de repetición electoral

No comunicado lembran ademais que coa investidura errada ábrese o escenario dunha repetición electoral que "só beneficiaría ás dereitas", e incide en que aínda se está a tempo de evitar ese "risco innecesario e inasumíbel por unha cidadanía que non necesita máis crispación, senón propostas".

Neste sentido, sinalan que se finalmente hai eleccións en novembro, Sánchez porá en risco a posibilidade de recuperar os dereitos perdidos durante a última década e "brindará unha segunda oportunidade ás dereitas para facer no conxunto do Estado o que xa están a facer nalgunhas comunidades".

Comentarios