Esquerda Unida "enterra a democracia" en Compostela

EU escenificou un enterro na capital de Galiza para denunciar as políticas do PP e recoller sinaturas de cara ao debate do estado da nación en Madrid.
EU enterra a democracia
photo_camera EU enterra a democracia

Esquerda Unida, partido político que forma parte de AGE, escenificou na Praza do Toural (Compostela) o "enterro da democracia". No acto participaron @s deputad@s no Parlamento galego Yolanda Díaz, Juan Fajardo, Xabier Ron, Eva Solla e Ramón Vázquez. A acción insírese nunha campaña na rúa a nivel estatal que realiza Izquierda Unida para recoller ideas por parte da cidadanía de cara ao debate do Estado na "Nación" que se celebrará en Madrid os días 20 e 21 de febreiro.

"Queremos saber e logo transmitir que é o que a xente quere preguntar a Rajoy", asegurou Yolanda Díaz, "ademais denunciamos este fin de réxime que se atopa caduco pola corrupción espallada por todo o país". A Deputada sinalou que as institucións están nun sistema "en descomposición" e puxo como exemplos "o sistema representativo, a xerarquía eclesiástica e o sistema xudicial". Díaz exixiu un novo "proceso constituínte" e participar "no que se está a facer polos poderes económicos sen contar coa cidadanía".

Corrupción en Compostela

O deputado por Compostela de EU, Xabier Ron, aproveitou a ocasión para falar dos casos de corrupción que se están a investigar na cidade. "Respectamos a presunción de inocencia mais pensamos que após o escándalo todas as persoas imputadas teñen que dimitir". Esquerda Unida solicita unhas eleccións anticipadas e Ron asegurou que esta petición "ten o aval da lei".

 

Comentarios