EU aspira a aplicar o "modelo catalán" para integrar AGE na candidtura de IU federal

A organización comezará a traballar no programa electoral e a candidatura ás europeas á espera de que Anova determine a súa política de alianzas. 

DSC_0046
photo_camera Yolanda Díaz [Imaxe: SG]

O secretario de organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, e a coordenadora nacional da organización, Yolanda Díaz, anunciaron esta segunda feira en comparecencia de imprensa que a federación de IU na Galiza encetará o proceso interno de debate do que sairán @s candidatábeis que integrarán a listaxe electoral de Izquierda Unida federal e o programa co que se presentarán ás eleccións europeas. 

Desta maneira, o Consello político de EU decidirá o "enroque de Galiza como país do sur de Europa" no programa electoral co que a formación se presentará aos comicios e o "proceso de elección" das dúas persoas --home e muller-- que pasarán a integrar a candidatura de IU-Federal, explicou Yolanda Díaz. 

Esquerda Unida inicia así o debate interno face a convocatoria electoral do vindeiro mes de maio. Un proceso que se encardina no calendario fixado desde Madrid e que culminará no mes de marzo. Esa é a data límite para que as federacións de Izquierda Unida determinen de que maneira se presentarán ás eleccións. No caso galego, este é o tempo co que contará EU para formalizar posíbeis alianzas con outras forzas políticas. Porén, o conflito interno xerado en Anova podería pór en risco a re-edición de AGE nas europeas. 

A crise en Anova condiciona o futuro da coligación

A este respeito a coordenadora nacional de Esquerda Unida asegurou estaren "atendendo con moito interese" os movementos no seo de Anova --os seus socios principais nas eleccións ao Parlamento galego en 2012 xunto con Equo e Espazo ecosocialista.

No entanto, Yolanda Díaz aclarou que ollan "con absoluto respecto" as fricións en Anova arredor da política de alianzas mais quixo lanzar unha mensaxe á súa militancia --á de Anova. A líder de EU lembrou que "AGE non nos pertence a nós", indicou en relación ás organizacións políticas que conforman a coligación electoral, pois "é da cidadanía" que "dixo si" ao discurso da candidatura. 

Aplicar o modelo ICV-EUiA de se producir a confluencia

Desta maneira, a coordenadora nacional de Esquerda Unida amosou a preferencia da súa organización por re-editar as siglas nos comicios europeos no que denominou unha "fronte popular democrática", unha decisión que no caso de Anova dependerá do resultado obtido na Conferencia nacional do mes de febreiro. 

Mais, como se encardina esa posíbel confluencia política na candidatura estatal impulsada por IU?

Esquerda Unida ten claro que de ser así aplicarán "o modelo catalán" experimentado nas europeas de 2009 --indicou Yolanda Díaz-- e no que o candidato da coligación ICV-EUiA, Raül Romeva Rueda, pasou a se integrar na candidatura de IU-Federal como número dous. Embora, após ser elixido europarlamentar rachou co acordo inicial integrándose no grupo dos Verdes en troca do da Esquerda unitaria. 

Porén, á espera de que Anova decida cal será a súa política de alianzas, desde EU deron xa a pistolada de saída ao "proceso interno" co que elixir a dúas persoas de entre a súa militancia que pasarían a integrar a candidatura de IU de se frustraren as súas aspiracións frontistas con Anova. 

Comentarios