Esquerda Unida cualifica de “desastroso” o resultado do 12X

A formación, que participou nas eleccións na coalición Galicia en Común-Anova Mareas, pospón unha “reflexión profunda” na súa XIII Asemblea Nacional.

Reunión da coordinadora nacional de Esquerda Unida (Nós Diario)
photo_camera Reunión da coordinadora nacional de Esquerda Unida (Nós Diario)

A Coordinadora Nacional de Esquerda Unida (EU), máximo órgano de dirección entre asembleas, acordou este sábado realizar "unha reflexión profunda" após o "desastroso" resultado das eleccións do pasado 12 de xullo.

O marco para este debate será a súa XIII Asemblea Nacional, que aínda non ten data, pendente, entre outras cuestións, da evolución da pandemia, pero que se acordou adiantar.

Nun comunicado EU subliña que os resultados electorais do 12 de xullo sitúan Galiza nunha nova maioría absoluta do PP tras anos de "recortes" en materias "tan fundamentais como a sanidade, a educación, e os servizos sociais", polo que afirman seguirase "coa senda da precariedade social".

EU cualifica de "desastroso" o resultade electoral da coalición e entende que pon de manifesto que a ferramenta construída desde "o esforzo colectivo" non resultou "suficiente" para converterse "nunha alternativa política na Galiza".

"Após máis de oito anos construíndo alianzas que foron capaces de cambiar a realidade política do país coa irrupción de AGE", reivindica que a organización, que ten á exdiputada Eva Solla como coordinadora nacional, "traballou e demostrou con xenerosidade e compromiso políticos" a vontade de construír desde os esquerda "espazos colectivos capaces de transformar a sociedade".

Por este motivo, EU sostén que "o camiño da unidade non cambia" e "seguirá sendo un alicerce fundamental e irrenunciable da organización". Pero entende que os resultados do 12 de xullo marcan "o peche" dun ciclo político na Galiza.

Por iso, conclúe que a organización abre un proceso de análise e de "reflexión profunda" que "debe darse no marco da XIII Asemblea Nacional", onde se decidirá a liña política da formación para o futuro.

Comentarios