Esquerda Unida critica a Lei do Xogo porque non prohibe toda forma de publicidade

O anteproxecto da Lei de Xogo é "unha fraude" e non "defende nin a mocidade nin as familias", afirmou esta quinta feira en conferencia de imprensa Eva Solla, coordenadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento galego.

IMG_6251
photo_camera Eva Solla

A principal crítica que a formación esquerdista fai a este anteproxecto é que non prohibe a publicidade de xogos e apostas. 

“A Xunta deixa aberto este punto ao arbitrio dunha autorización, polo que esta publicidade non queda prohibida e non resolve este serio problema que acaba por normalizar o xogo”, alegou Solla.

A proposición de lei do Goberno Feixoo tampouco limita o acceso ás chamadas máquinas comecartos, en tanto que a iniciativa nesta materia formulada no Parlamento por Esquerda Unida si que se estabelecían medidas que o dificultaban —como no caso dos expendedoras de tabaco—, nomeadamente dirixidas a grupos vulnerábeis como as persoas menores de idade.

EU ve "irrisoria" a distancia de seguridade, apenas 150 metros, que o anteproxecto estabelece entre as casas de apostas e colexios ou lugares de esparcimento xuvenís. Na proposta da formación esquerdista a separación mínima era dun quilómetro.

Comentarios