A esquerda rupturista ten até o 21 de febreiro de prazo para formalizar coalicións

Podemos cambia as súas primarias e Marea Atlántica reivindica o papel do municipalismo na construción dunha "única" candidatura.

Acto Mareas Cidades Ben Común

A publicación este martes da convocatoria oficial das eleccións autonómicas na Galiza para o 5 de abril abrirá un prazo de dez días para o rexistro de coalicións electorais, que quedará pechado na medianoite do 21 de febreiro.

Así as cousas, e coa posíbel alianza de Ciudadanos e o PP desbotada pola negativa dos populares galegos a unha coalición que si podería darse en Euskadi e Cataluña, a atención centrarase no ámbito da esquerda, onde existe a incógnita de como concorrerá ás eleccións o espazo político antes agrupado en torno ao partido instrumental En Marea.

Desta forma, e segundo figura no artigo 20 da Lei electoral galega, deberán rexistrarse as coalicións antes do undécimo día posterior á convocatoria. Así, as alianzas para o 5 de abril terán que formalizarse ante a Xunta Electoral da Galiza antes da medianoite do 21 de febreiro.

A 55 días da cita coas urnas, a forma na que concorrerá a esquerda rupturista permanece no aire, aínda que todas as organizacións que compoñen o espazo político expresaron a súa vontade de presentarse.

Os socios da que foi segunda forza nas galegas de 2016, En Marea, certificaron a súa división na primeira metade do pasado ano. Desde hai un ano, Anova, Esquerda Unida, Podemos Galiza e as mareas municipalistas que gobernaron Santiago, A Coruña e Ferrol romperon con En Marea, encabezada polo candidato á presidencia da Xunta en 2016, Luís Villares.

Estes últimos, que se presentaron en solitario ás xerais de abril (nas que obtiveron pouco máis de 1% dos votos) e que non concorreron á súa repetición seis meses despois, xa expresaron a súa vontade de estar nas galegas, ben pola súa conta ou enrolados nunha alianza con outras forzas progresistas e do ámbito soberanista.

Pola súa banda, após a ruptura coa parte liderada por Villares, Anova, Esquerda Unida e Podemos Galiza continuaron compartindo grupo parlamentar, aínda que Anova caeu da coalición formada para as xerais do pasado ano, nas que a alianza de EU e o partido morado baixo a marca En Común logrou dous deputados, situándose como terceira forza nas dúas citas coas urnas.

Neste sentido, Podemos Galiza, como expresou o seu líder e deputado no Congreso Antón Gómez-Reino, cre que En Común representa unha fórmula consolidada entre no electorado que, ademais, agora conta co aval de ser unha "forza de goberno" ao contar coa súa referente Yolanda Díaz no Consello de Ministros á fronte da carteira de Traballo.

Con todo, Anova, que designou ao ex alcalde compostelán Martiño Noriega como encargado das negociacións para unha posible alianza electoral, dubida do posible percorrido da coalición En Común no seu traslado á política autonómica, polo que chama a ensanchar o espazo apostando polas mareas municipalistas pero deixando ao carón á En Marea de Villares.

O domingo, Podemos Galiza anunciou a convocatoria de primarias para elixir os seus candidatos, aínda que o calendario deberá modificarse ante o adianto das eleccións; mentres que Anova confirmou este mesmo luns que estará na cita do 5 de abril. Esquerda Unida foi a primeira en facer os deberes e conta desde finais de 2019 con candidatos para as autonómicas coa súa coordinadora nacional á cabeza, Eva Solla.

Marés municipalistas

Ademais, as mareas municipalistas reivindican o seu peso na construción dunha alternativa electoral. Marea Atlántica nomeou ao exrexedor herculino Xulio Ferreiro como encargado das relacións coa "confluencia" e o referente de Compostela Aberta e tamén exalcalde Martiño Noriega asumiu desde decembro o papel de interlocutor do seu partido, Anova, co resto do espazo político.

Este luns, Marea Atlántica remitiu un comunicado aos medios no que realiza un chamamento "ás diversas forzas políticas do espazo do cambio en Galicia e ás mareas municipalistas de todo o país" de cara a "acelerar o calendario" para a definición dunha "única candidatura" ás autonómicas.

Por iso, e após reivindicar que o municipalismo debe contar cun "papel activo na construción da alternativa política ao PP", a marea que gobernou A Coruña de 2015 a 2019 anuncia a convocatoria dunha reunión do seu máximo órgano de decisión --a 'Rede'-- para definir a forma na que Marea Atlántica "tomará partido" nestas eleccións.

Comentarios