O espía na campaña pon ao descuberto a mentira do ABC: o BNG si suspendeu os actos de campaña

Non é que este espía teña simpatía cara Corea do Norte, pero dentro das súas afeccións está a de comparar como fala a imprensa mediática daquel país e trasladalas aquí, para matinar en como sería a resposta.

kiosokostgo

Non é que este espía teña simpatía ningunha cara Corea do Norte, pero dentro das súas afeccións e obsesións está a de comparar como fala a imprensa mediática daquel país e as súas vicisitudes e trasladalas aquí, para matinar en como sería a resposta. Por exemplo, cando morre un “amado líder” norcoreano, os medios do estado español teñen sempre preparado o seu escaso sentido do humor para atopar de súpeto un perfil retranqueiro co que facer risitas sobre as mulleres que choran no enterro. Obrigadas, histéricas ou alienadas, adoitan ser os cualificativos que acompañan estas imaxes de enterro oficial en Corea do Norte, no entanto, por suposto non falan así os periódicos hexemónicos cando quen chora esaxeradamente é unha madrileña a conto de Adolfo Suárez. Ou cando sexa polo Borbón, que moito non ha faltar. Aí non se chancearán, senón que as protagonistas desconsoladas das imaxes serán “boas cidadáns”, claro que si. Porque hai bágoas e bágoas, algunhas obrigatorias. A imposición dos sentimentos.

Debido ao asasinato dunha dirixente leonesa do PP, a imprensa saíu á procura d@s que non choran, para denuncial@s, chamarlles terroristas. Porque había que lamentarse desconsolad@, non chegaba con simplemente respectar a dor -o que tamén provocou debate, entendíbel- había que berrar como se morrese o “amado líder”, iso que noutras latitudes lles parece tan bochornoso. E así, chegamos ao ABC, onde se acusa ao BNG de non chorar, de complicidade con non se sabe ben que, e -sempre nomeando tamén a Bildu- afírmase que “non respectou a dor polo ocorrido e seguíu cos actos electorais como se nada”. Todo falso, posto que a formación nacionalista suspendeu a campaña, tamén pola morte dunha muller en Arteixo. Pero ao ABC non lle vale. Hai que alcanzar a dor histérica ou nada, que para silencio ou miradas cara outro lado xa están eles e os da súa corda cando morre un pobre ou unha persoa desafiuzada guíndase pola ventá.

Comentarios