Á espera das papeletas que non chegan para dirimir o último escano en xogo

O voto exterior, cun mundo en pandemia e un sistema electoral español con lagoas, sufriu atrancos nas eleccións galegas, habendo países onde as papeletas nin chegaron, e a Xunta teme agora que os sobres non se reciban a tempo para o reconto.  Nós Diario conversa con expertos arredor das eivas na calidade democrática no voto CERA. 
O vicepresidente Alfonso Rueda, onte en rolda de prensa.
photo_camera O vicepresidente Alfonso Rueda, onte en rolda de prensa.

O voto exterior resolverá se o PP sobe a marca que fixo en 2016 e obtén 42 actas. Todo depende de se o escano en xogo por Pontevedra vai para a dereita ou para o PSdeG. "Eses votos (os emitidos no estranxeiro) non poden andar por aí perdidos nin se pode dicir que non chegan a tempo cando faltan aínda cinco días para o escrutinio do voto exterior", dixo onte o vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda. 

A pesar de o Goberno galego, o español e a Xunta Electoral deixaren sen dereito ao voto as persoas positivas na Covid-19, ao non se teren posto en marcha mecanismos alternativos ao sufraxio en urna para garantir a participación das contaxiadas, o vicepresidente Rueda criticou onte que non se tivesen tomado alternativas por parte da Moncloa para asegurar o dereito á participación da emigración. E é que Correos xa recoñeceu problemas co voto do censo de residentes ausentes (CERA) en varios Estados, como Venezuela, a onde non chegou unha soa papeleta porque non se atopou transporte "público nin privado", e as 1.945 persoas que pediran votar alí non o puideron facer. Así mesmo, o servizo postal cubano non chegou a repartir a documentación entre as 1.720 persoas que alí pediron participar. 

En concreto, o 12-X votaron 5.726 persoas (44,67% das persoas do censo CERA que solicitaron o sufraxio) o que supón que só votou 1,24% de todo ese censo exterior (composto por 463.000 persoas, 17% do total galego). 

"Debeuse ter realizado un esforzo maior con Correos"

O xornalista Anxo Lugilde, autor da tese doutoral Participación política dos emigrantes galegos 1905-2010 (USC, 2010), cualifica de "desastre" o sistema electoral no Estado en relación ao voto CERA. Lugilde sinala a Nós Diario o paradoxo de que España sexa un dos territorios do mundo "máis xeneroso" á hora de recoñecer o dereito ao voto no exterior no que ten a ver co censo electoral e, ao mesmo tempo, sexa un dos Estados que máis atrancos pon para o exercicio dese dereito, "porque ten un sistema, como é o voto rogado (que implica realizar un conxunto de trámites para solicitar o sufraxio), para o que se habilita moi pouco tempo", sinala o xornalista. "O problema do sistema español é que os prazos son moi curtos para facer a solicitude e isto agravouse coa Covid-19 ao empeorar o funcionamento de Correos", explica. 

Aliás, Lugilde repara en que , en relación coa brevidade do prazo, dáse unha discriminación xeográfica. "O feito de que un viva en Portugal ou no Reino Unido dá máis  facilidades para votar, aínda que nunca sexan plenas, que as que hai en Brasil ou na Arxentina", por mor dos breves prazos e dos procedementos para pedir o voto. "O que está a facer a Covid-19 é agravar a desfeita que xa existía", conclúe, remarcando que isto se volve, se cabe, máis preocupante cando atinxe á primeira xeración de galegas e galegos no exterior, é dicir, a quen naceu na Galiza e emigrou. De feito, engade que "hoxe en día non ten moito sentido falar de voto emigrante cando en torno a dous terzos do censo CERA son persoas nadas no estranxeiro". 

"Debeuse ter realizado un esforzo con Correos e na infraestrutura do Ministerio de Asuntos Exteriores para que isto non pasara", conclúe Lugilde.  

Un sistema electoral "pouco desenvolvido"

Para Carlos Aymercih, profesor de Dereito na USC, o dereito electoral español está pouco desenvolvido, tanto no que afecta ao voto exterior como ao interior, e exemplifícao coa falta de regulación ante unha situación como a acontecida coa pandemia. "Non  deixa de ser curioso que no caso galego se convocasen eleccións para o 5 de abril e que, a pesar de ficaren sen efecto, a disolución do Parlamento que foi consecuencia desa convocatoria non se chegase a emendar". 

En canto ao voto rogado, Aymerich sinala que os partidos españois de esquerda e dereita, cando critican o mecanismo do voto rogado, introducido en 2011, "semella que queren voltar á situación anterior". Nese sentido, o profesor recorda o ano 1997, en que o voto CERA supuxo a perda do deputado 19 do BNG, que era o oitavo pola Coruña e que estaba chamado a ocupar o falecido nacionalista Domingos Merino.

"Lembro como chegaban aqueles votos sen ningún tipo de garantía, non se sabía quen os metía na sacas nin quen introducía as papeletas nos sobres... Vendo o que sucede en moitos países está claro que hai outras alternativas", sinala Aymerich, que apunta cara  a medio electrónicos para facilitar os trámites de quen se atopa temporalmente noutros Estados. Ao que non lle ve "moito sentido" é que persoas voten en dous países, ondee reside e mais noutro, cando hai migrantes a que viven na Galiza e non se lles deixa participar nas urnas, lamenta. 

Podería haber recursos contra o reconto

Ante a tardanza na chegada do voto exterior, unha cuestión chave sería poder adiar o escrutinio final para que ningún sufraxio fique sen computar, comenta Carlos Amoedo, catedrático de Dereito na UdC. "Sería unha cuestión que habería que someter á Xunta Electoral correspondente ou á Central (XEC), se o problema da non recepción do voto CERA se dese en todas as circunscricións galegas", di. Ante a existencia de persoas no exterior que pediron en prazo participar e que non recibiron a documentación e mesmo habendo quen si mandou o voto mais cuxa papeleta pode ficar fóra do reconto por chegar tarde á Galiza, Amoedo sinala  a posibilidade da presentación dun recurso na Xunta Electoral contra o escrutinio xeral, por non contar todos os sufraxios por mor de eivas da Administración electoral, incluíndo nela o servizo de  Correos. 

Comentarios