Luís Villares, portavoz de En Marea

"O espazo político de En Marea funciona razoabelmente ben"

Luís Villares (Lugo, 1978) está estes días no epicentro do tremor que se vive en En Marea por mor do ‘caso Paula Quinteiro’ e que a estas alturas aínda non se sabe como acabará. O portavoz do grupo parlamentar e da organización fala con convencemento e seguridade, apela ás obrigas e responsabilidades éticas inherentes aos cargos de en En Marea para argumentar a súa aposta na demisión da deputada e recoñece que estas desavinzas internas poden pasar factura entre as bases. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario Sermos Galiza.

Luís Villares
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Luís Villares

3En pleno momento álxido da crise polo incidente de Paula Quinteiro optou polo silencio, o que non foi ben entendido por todas e todos, mesmo dentro de En Marea...

Debido ás funcións que ocupo dentro do espazo político, debo ter unha lealdade, dar a opinión dentro dos órganos de En Marea. Tamén debo evitar precondicionar os órganos colexiados dando a miña opinión fóra. E debía ter prudencia mentres se tentaba procurar unha solución a esta situación.

Pensou en demitir?

Quen ten que asumir responsabilidades por eses feitos é quen orixinou a situación, será a esa persoa [por Paula Quinteiro] a quen haxa que pedir responsabilidades políticas.

Se Quinteiro non demite, mantén sobre a mesa a carta de ir a unha consulta entre as persoas inscritas para que elas decidan o futuro da deputada?

Non son de utimatos. Non gosto de falar de datas concretas para que [Quinteiro] tome unha decisión. Cómpre prudencia, reflexión e apelar á responsabilidade e madurez política de cadaquén. Eu confío en que esa madurez política fará que non sexa necesario arbitrar calquera outro tipo de solución ou medida.

Pódese seguir a ser portavoz parlamentar dun grupo parlamentar onde a gran maioría das súas deputadas e deputados están contra a proposta de demisión de Paula Quinteiro que si pide o portavoz?

Evidentemente. Nós non só somos diversos, senón que facemos bandeira da diversidade. É máis, en nome desa transparencia damos debates que non nos importan que transcendan, este é un debate máis. Nin é o primeiro nin é o último, con certeza. O espazo político de En Marea funciona razoabelmente ben e por unha razón, porque cultivamos os puntos en común. O que non signfica que non haxa discrepancia.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 291 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios